Saltar navegación

2.1.3 A Idade dos metais, unha época de grandes inventos

 

A aparición da metalurxia, é dicir, a fabricación de instrumentos de metal, tivo lugar arredor do 5000 a.C. Esta etapa prehistórica subdivídese noutras tres etapas, segundo o metal empregado:

  • Idade do Cobre, ata 1700 a.C.

  • Idade do Bronce (cobre con estaño), de 1700 a 800 a.C.

  • Idade do Ferro, do 1000 ao 700 a.C.

As técnicas metalúrxicas nacen tamén en puntos concretos do Crecente Fértil, e para o seu manexo cómpren complexos coñecementos, polo que quen traballaban o metal eran recoñecidos como técnicos moi especializados e o seu labor tiña moito prestixio.

O avance que supuxo o uso dos metais foi enorme: melloraron as técnicas agrícolas ao haber ferramentas máis resistentes (arados, fouciños metálicos, coitelos, etc.), o mesmo que as armas de caza e de guerra, actividade esta que desde agora forma parte da relación entre os grupos humanos.

Tamén neste período houbo outros inventos que marcaron un fito na historia da tecnoloxía: a roda e o carro tirado por animais, que xunto á aparición da vela nas embarcacións favoreceron o desenvolvemento do comercio, tanto pola maior cantidade de mercadorías transportadas como pola velocidade, o que facilitou a máis rápida expansión dos novos avances cara ás zonas limítrofes. A invención do arado, do regadío e a construción de canles permitiron a expansión da agricultura.

Socialmente, aparece unha incipiente división da sociedade en clases, en función da riqueza de cada unha, e están a piques de xurdir as primeiras cidades.

Coincidindo co uso dos metais, nalgunhas comunidades humanas construíronse uns monumentos feitos de grandes pedras, aos que denominan monumentos megalíticos. Entre eles destacan as pedrafitas ou menhires, pedras verticais con finalidade conmemorativa; as mámoas ou dolmens, que é unha cámara de enterramento colectivo formada por pedras verticais e cubertas cunha lousa grande; e o crómlech, formado por un conxunto de lousas verticais e horizontais colocadas en círculo, que cumpría unha función relixiosa, relacionada probablemente co culto ao Sol.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0