2.5.3 Outros textos de autores galegos do século XX
OS SEÑORES DA TERRA
Tripou o cabalo pola canella, e chégou unha rara figura de home fracote, escanabouzado, xordo de comenencia e pitarroso de ollos [...] O recaudador. Pola porta da Pedreira metíase todo o mundo: as arroiadas, os cás famentos, os labregos, os pedichós. Unha noite tamén entróu o lobo e metéuse na corte das ovellas. A fidalga recibiu ó home cunha curtesía de quen teima cobrir a vergonza íntema. Ben se decataba il da falta de cartos. Naquil tempo, a idea de Estado comezaba a facer forza na aldea. Astra entón gobernaban potenzas antergas, visibres, presentes. O poder estaba representado por monxes e cregos, por fidalgos cobradores e comedores, mais ó tempo cheos de confianza cos paisanos. Moito tardóu a idea abstracta do Estado en se sentir nos eidos. Daquela entraba no pazo o Estado na persoa dun novo tipo, nin labrego nin señor. Co tempo, os recadadores fixéronse señoritos.
Ramón Otero Pedrayo: Os camiños da vida (1928)
«Ti dis Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada terra é coma se fose un mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sur, do leste para u oeste noutro tanto; poderala andar outra vez, mais non a has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e desde logo, moito meirande de como ti a ves […]. Do grandor do teu espírito depende todo: canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo, nela estará o mundo todo con todos os seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas non digas tampouco Galicia é ben pequena. Es ti, que endexamais poderás concibir nada grande.»
Vicente Risco: Leria (ensaio)
-
O ESCUDO
O escudo de Galiza
leva na parte central
un cáliz que simboliza
a lenda do San Grial.
E arredor do cáliz, sete
cruciñas en procesión.
¡As sete vellas provincias
que tiña a nosa nación!
O cáliz garda o misterio
do vello credo druída:
"SE NON TEMOS LIBERDADE,
¿DE QUE VALE A NOSA VIDA?"
As sete cruces, estrelas
do Setestrelo a alumar
todas as roitas da terra
e os camiños do mar.
O noso escudo galego
di dun pasado lonxán,
¡ouh Galiza nación celta,
filla do pai Breogán...!
¡Amor, eterna inquedade,
pon nos meus beizos doídos
o cáliz da Saudade!
¡Dáme a divina tristeza
da nave que vai sen rumbo
sobre do mar da incerteza!
¡Dáme o segredo choído
de ser roseira sen rosas
e cantiga sen sonido!
¡Dáme o doce desespero
de non saber se me quere
morréndome do que a quero
Dáme a sagra vaguidade
de ir tecendo a miña vida
con soños de eternidade!
Manuel María: As rúas do vento ceibe
R. Cabanillas: A rosa de cen follas (1927)
|
España, sangue e area: trinta millós de farrapos atados a unha cadea. Todos levan sobre a faz un carimbo de tristura: vintecinco anos de paz. Paz de cuartel, paz de preso, paz de pobo asoballado, paz de pau e tente teso. Paz do conde de Fenosa, gran cabaleiro da industria que asulaga a terra nosa. Paz de osario e cimenterio, paz de chaira inhabitada, paz de oprobio e cautiverio. Paz de mazmorra e censura, paz de mansos periodistas lambecús da dictadura. Paz de roubo financiado, paz de pulpo monopolio, paz de fusil apuntado. Paz de bispo troglodita, solideo insolidario, don Oppas hermafrodita. |
|
Celso Emilio Ferreiro: “Vintecinco anos de paz"” |
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License