2.5.1 A literatura galega no século XIX. Precursores e Rexurdimento (aspectos teóricos)
Contexto histórico
A comezos do século XIX a poboación de Galicia era fundamentalmente rural. A economía galega dependía case por completo da agricultura, sostida por un campesiñado que traballaba terras que non eran súas, senón arrendadas mediante un sistema chamado foro,que obrigaba a pagarlles aos propietarios unha parte da produción (a renda foral). A miseria propiciaba a emigración, verdadeira sangría da poboación campesiña.
As clases sociais privilexiadas eran a fidalguía e o clero, que apoiaban o absolutismo, ideoloxía reaccionaria que pretendía perpetuar o Antigo Réxime, defensor dos seus intereses. Contrarias ao absolutismo eran as ideas liberais, cos seus adeptos na burguesía, que en Galicia era maioritariamente comercial; a burguesía industrial que establece as primeiras fábricas procedía na maior parte de fóra de Galicia: cataláns, vascos...
A lingua usada na fala das clases populares era o galego. Para a escrita empregábase o castelán, pero esta situación empeza a cambiar por razóns de tipo político. No ano 1808 prodúcese a invasión francesa e a conseguinte Guerra da Independencia (1809-1812); fanse entón os primeiros escritos en galego que teñen como finalidade mobilizar os labregos na loita contra os franceses. Nos anos que seguiron foron aparecendo na prensa textos políticos que recollían a polémica da época entre absolutistas e liberais e que eran escritos en galego para facilitar a súa difusión entre as clases populares.
Por eses anos desenvolvíase en Europa o movemento cultural e literario chamado Romanticismo, que en Galicia entrou serodiamente, pero que creou un clima favorable entre os intelectuais da época polo estudo da historia dos pobos e das súas peculiaridades, o que favoreceu o desenvolvemento das linguas chamadas "rexionais".
Tamén o espírito de rebeldía preconizado polo Romanticismo, xunto coas ideas liberais da época, propiciaron o nacemento dun movemento ideolóxico e político que hoxe coñecemos co nome de Provincialismo (1840-1854) e que, partindo do recoñecemento da especificidade de Galicia, ten como obxectivo a súa rexeneración social e económica. Podemos dicir do Provincialismo que foi o precursor do que hoxe coñecemos co nome de "galeguismo". Estaba formado por intelectuais de clase media-alta que utilizaban a prensa para dar a coñecer as súas ideas. Un acontecemento fundamental deste movemento foi a súa participación no levantamento do xeneral Solís no ano 1846, que supuxo a rebelión de Galicia contra o centralismo. Fracasado este levantamento, once dos seus dirixentes foron fusilados (os chamados "Mártires de Carral"). Os provincialistas terán que dispersarse marchando moitos ao exilio, entre eles varios dos considerados precursores do Rexurdimento galego, como Francisco Añón.
Precursores e Rexurdimento
No que se refire á literatura en galego, os escritores relacionados co movemento provincialista forman un grupo que se denomina de precursores ou prerrexurdimento.
A poesía é o único xénero cultivado e entre estes poetas destacan Juan Manuel Pintos(1811-1876), que fai unha atinada defensa do galego no seu libro A gaita gallega 1853), e Francisco Añón(1812-1861), que publicou poemas de contido costumista e patriótico.
O labor cultural deste grupo de precursores será recollido por unha xeración posterior de mozos e mozas que se declaran os seus herdeiros e que toman o ano 1846 (levantamento de Solís) como o seu punto de referencia. Entre estes mozos salientan os nomes de Manuel Murguía, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro.
No ano 1863 aparece o libro de Rosalía de Castro Cantares gallegos e tradicionalmente considérase esta data como o inicio do Rexurdimento pleno.
A produción literaria increméntase notablemente a partir do ano 1875 coa aparición de numerosas publicacións periódicas, o que fai que a prensa da época desempeñe un importante papel no Rexurdimento literario. Tamén tiveron repercusión os certames literarios entre os que destacaremos os Xogos Florais de Tui do ano 1891 nos que salientou como orador Manuel Murguía e que supuxo un fito histórico no emprego do galego como lingua pública en usos formais.
-
Lírica. É o xénero literario máis importante do Rexurdimento; os tres grandes poetas da época son Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal.
-
Prosa de ficción. Foi moito menos cultivada, en parte porque a escasa formación do hábito lector en galego determina a preferencia polas formas líricas, máis breves, que poden aparecer con facilidade nas páxinas dos xornais, en parte tamén pola crenza instalada no seo da sociedade da época de que o galego resultaba unha lingua particularmente idónea para a poesía. A primeira novela longa escrita en galego é Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares Núñez, que apareceu por entregas na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, ao longo do ano 1880, e na que se mesturan elementos costumistas, románticos e realistas propios da época. Outro autor de novelas é Antonio López Ferreiroque nos deixou tres relatos longos: A tecedeira de Bonaval (1895), O castelo de Pambre (1895) e O niño de pombas (1905), os tres aparecidos por entregas en xornais santiagueses. Ademais destas novelas, escribíronse varias coleccións de contos dominadas polo costumismo e o afán de preservar as tradicións galegas.
-
Teatro. Tendo en conta o carácter limitado da produción teatral da época e a baixa calidade das obras, non se pode dicir que exista propiamente un teatro do Rexurdimento.
Ademais da produción literaria, o interese dos intelectuais pola lingua e a cultura propicia a aparición das primeiras gramáticas, dicionarios e obras de crítica literaria. Os historiadores desenvolverán un importante labor na procura dos sinais de identidade específicos de Galicia, salientando a obra de Manuel Murguía Historia de Galicia (1865-1913) que senta as bases da consideración de Galicia como nación.
Politicamente, o nacente galeguismo concrétase no chamado movemento rexionalista (1886) que ten o seu fundamento teórico na obra de intelectuais como Alfredo Brañas e Manuel Murguía, e que é de onde arrincan as futuras organizacións nacionalistas. Pero este rexionalismo, fortemente dividido no seu interior, non consegue conectar coas clases populares nin prender con forza nas clases medias.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License