2.2.1 Características da linguaxe nos medios de comunicación (aspectos teóricos)

Na unidade anterior iniciamos o estudo dos medios de comunicación social e abordamos polo miúdo as características das noticias e das entrevistas. Reflexionemos agora sobre as características do estilo utilizado cando se redactan noticias.

A noticia: estilo e características da súa linguaxe

  • Estilo. As catro regras da linguaxe xornalística son:

    • Claridade: elíxense palabras claras e sinxelas antes que confusas ou complexas. Hai que evitar, por exemplo, o uso de tecnicismos e de cultismos, que dificultan a comprensión dos lectores non especialistas.

    • Brevidade: a concisión é imprescindible na linguaxe xornalística porque se quere transmitir a maior información posible nun tempo e espazo definidos (recoméndase usar oracións que non superen nunca o número de vinte palabras).

    • Obxectividade: o léxico empregado debe ser referencial e denotativo, isto é, sen connotacións ideolóxicas ou propagandísticas, buscando a exactitude e concreción e evitando ambigüidades que resten credibilidade ao feito que se narra.

    • Orde lóxica na oración: suxeito + verbo + complementos. Esta orde pode alterarse cando se lle concede máis importancia a un determinado compoñente da oración.

  • Linguaxe. Seguindo as regras antes expostas, a linguaxe empregada nos xornais ten unhas características moi definidas no uso das clases de palabras:

    • Substantivos: empregaranse substantivos concretos e precisos. Prefírese a linguaxe coloquial á culta. Exemplos: prefírese cabalo a equino, retraso a dilación, mexillón a bivalvo, etc.

    • Adxectivos: o emprego de adxectivos valorativos denota subxectivismo por parte do redactor. Exemplos: dicir que algo é fantástico, bo ou marabilloso, implica un xuízo de valor do que se debe fuxir no tratamento das noticias. Debe empregarse o adxectivo unicamente cando a información o precise para unha mellor comprensión do texto.

    • Verbos: recoméndase que os verbos vaian en voz activa e en modo indicativo. Prefírense os tempos en presente para dar sensación de actualidade. Se entre a noticia e a publicación transcorren días, empregarase, loxicamente, o pasado. Utilizarase tamén o futuro cando sexa preciso.

    • Frases feitas e tópicos: hai, na linguaxe xornalística, tendencia ao clixé, isto é, á utilización de frases feitas e lugares comúns, que fan máis familiar o estilo para os posibles lectores. Algunhas veces as frases empréganse incorrectamente. Exemplos: por outra banda (uso excesivo desta expresión), con base en (en vez de “sobre a base de”, “baseándose en”...)...

    • Sintaxe: as frases na linguaxe xornalística deben ser curtas. Prefírense as oracións simples ás complexas. Hai que evitar o excesivo número de nexos, prefírense as comas, o punto e coma e o punto, antes que as conxuncións. Os parágrafos tamén deben ser curtos, cunha extensión non superior ás quince liñas.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License