2.5 Revisión de aspectos básicos da ortografía: a puntuación (aspectos teóricos)

Os signos de puntuación serven para indicar na escritura as pausas, tons de voz, matices que se dan na fala. No galego e no castelán actuais forman parte deste grupo de signos o punto, a coma, o punto e coma, os dous puntos, as parénteses, os corchetes, a raia, as comiñas, os signos de interrogación e exclamación e os puntos suspensivos.

Da puntuación depende en boa medida a comprensión óptima dos textos escritos; de aí que as normas que a regulan constitúan un aspecto básico da ortografía. E, malia non haber unhas regras fixas e pechadas no uso de todos os signos de puntuación, iso non significa que a puntuación sexa unha cuestión puramente subxectiva.

 

Uso dos signos de puntuación

  • Punto (.): indica unha pausa na fala. Hai tres clases de puntos:

    • Punto e seguido: sinala que unha oración terminou e que continúa outra seguindo o mesmo tema.
    • Punto e á parte: indica o final dun parágrafo no que se conteñen varias oracións co mesmo tema.
    • Punto e final: marca o final dun texto.
  • Coma (,): sinala unha pausa máis breve ca a do punto. Úsase nos seguintes casos:

    • Nas enumeracións, para separar os elementos que a forman.
    • Cando se altera a orde lóxica da oración (suxeito, verbo e complementos).
    • Cando se utilizan expresións como: é dicir, en realidade, non obstante, por exemplo, en primeiro lugar...
    • Cando entre os elementos básicos dunha oración se introducen outros que explican, aclaran ou amplían a información.
    • Non se debe usar a coma para separar os elementos dunha oración simple, aínda que sexa longa.
  • Punto e coma (;): indica unha pausa intermedia entre o punto e a coma. Úsase nestes casos:

    • Nos parágrafos longos antes das conxuncións adversativas mais, pero, aínda que, non obstante...
    • Se as oracións adversativas son moi curtas, é suficiente con separalas simplemente mediante unha coma.
    • Nos parágrafos longos, para separar frases cando xa hai coma.
  • Dous puntos (:). Utilízanse nos seguintes casos:

    • Para introducir citas textuais.
    • Antes das enumeracións e dos exemplos.
    • Despois do saúdo nunha carta u noutro documento.
  • Puntos suspensivos (...). Úsanse nas seguintes circunstancias:

    • Cando se deixa incompleta unha enumeración, unha frase ou un texto.
    • Cando, ao citar un texto, se suprime un fragmento, indícase con puntos suspensivos entre corchetes [...]
    • Como recurso de estilo para dar sensación de suspense ou misterio. Tamén se emprega para indicar que un personaxe vacila, dubida ou é interrompido.

 

A interrogación, a exclamación e as comiñas

Lembreque despois dos signos de interrogación e exclamación non se escribe punto.

  • Signos de interrogación (¿?): utilízanse ao final da pregunta, en galego, e ao principio e ao final, en castelán.
  • Signos de exclamación (¡!): úsanse cando se expresa unha orde, sorpresa, desexo ou emoción da persoa que fala. Igual que os signos de interrogación, os de exclamación utilízanse ao principio e ao final da frase en castelán e soamente ao final en galego.

  • Comiñas (“”). Empréganse nestes casos:

    • Ao principio e ao final dunha cita textual.
    • Para enmarcar, nas obras literarias de carácter narrativo, os textos que reproducen de xeito directo os pensamentos dos personaxes.
    • Para chamar a atención do lector sobre algunha peculiaridade da voz ou expresión, que a distingue do resto dos compoñentes léxicos do enunciado. Sempre di que as “cocretas” dese mesón están riquísimas.

 

As parénteses, a raia e o guión

  • Parénteses ( ): empréganse para indicar o principio e o final dunha aclaración.
  • Raia (–)Úsase nestas circunstancias:

    • Nos diálogos, para introducir as palabras dos personaxes cada vez que falan.

    • Para indicar o principio e o fin dunha aclaración (como as parénteses).
  • Guión (-): emprégase cando é necesario dividir unha palabra e cambiar de liña porque non cabe. Nestes casos hai que seguir unhas normas: non se pode partir unha sílaba nin deixar vocais illadas, etc.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License