2.10 O país dos grandes e pacíficos comedores de patacas
-
Os galegos non fixeron guerra ningunha desde que comen patacas. Participar, participaron nalgunha, pero sempre á forza e a rastro, sobre todo na guerra menos galega que houbo e que foi a guerra española. Estou seguro que a inxestión masiva de patacas ten moito que ver coa actitude xeralmente pacífica do galego. O galego é un comedor de patacas case nato. Cando un bebé galego bota andar, así, a tombiños, é porque xa ten a idade regulamentaria para comer patacas. Por iso, aínda que a xente pense que di cousas inintelixibles, as primeiras verbas do bebé galego non son mamá ou papá senón pa-ta-ca.
Na gastronomía, sobre todo nos menús máis prestixiados mundo adiante, a pataca só aparece como casual aditamento ou cun carácter totalmente subalterno. A pataca é gornición, como tropa que arrodea aos oficiais condecorados ou ten a presenza duns toriños que se poñen de teloneiros da figura do espectáculo. A pataca está alí como podía non estar, e dáselle a mesma ou menos categoría ca unha cenoria ou unha col de Bruxelas. Por demais, as patacas soen ser desprezadas, un feo froito soterrado que só contribúe á obesidade, insípido e nada nutritivo. Todo un lobby de extensión planetaria, unha mundial mafia na que se asocian propagandistas do areo-bic, fabricantes de pizzas, filósofos ligth e vendedores de lencería, mantén unha permanente campaña de acoso e asedio contra a raza dos comedores de patacas.
Pero aos galegos entralles por una orella e sáelles pola outra. O galego fetén é moi liberal coas cousas de comer. Como ben dicía Don Álvaro Cunqueiro, o primeiro que fai un galego cando encontra un animal estraño é probar se é comestible.
O galego pertence ao xénero dos omnívoros e faille honor tanto ao Tiranosaurus Rex como ao Diplodocus, sobre todo se está en grupo, porque o galego é individualista para todo menos para xantar. Gústalle moito comer pero sobre todo gústalle ver que os demais comen. Un galego non soportaría esta estampa dickensiana de comer nun restaurante mentres un pobre asoma polo vidro da fiestra. Se polo galego fose, aboliríanse as clases sociais á hora de almorzar, xantar, merendar e cear. Do resto, xa falariamos.
Manuel Rivas. Toxos e flores. Ed. Xerais, 1999
Actividade proposta
S18 Procure na rede información sobre Manuel Rivas e elabore unha ficha literaria do autor.
S19 Que pensa do que se fala no texto? Argumente sobre a paixón dos galegos pola gastronomía.
S20 Inquira sobre quen foron Álvaro Cunqueiro e Charles Dickens.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License