2.6 A oración gramatical: suxeito, predicado, concordancia (aspectos teóricos)

Nas unidades anteriores estivemos estudando as clases de palabras: o nome, o adxectivo, o pronome, etc. Estudamos a forma das palabras consideradas illadamente. Agora imos estudar os grupos de palabras que usamos para comunicarnos realmente.

A oración gramatical é a unidade mínima con sentido completo que usamos na comunicación. Se dicimos balsa auga flotar, con este grupo de palabras non conseguimos transmitir un sentido completo. En cambio, se dicimos A balsa flota na auga todos entenderán o que dicimos. A balsa flota na auga é unha oración.

Suxeito e predicado

Fíxese na seguinte oración:

O avión procedente de Bruxelas aterrou na pista número sete.

                   Suxeito                                Predicado

A oración consta de suxeito e predicado.

  • Suxeito: infórmanos de quen realiza a acción do verbo. Ten un núcleorepresentado por un substantivo(avión).
  • Predicado: é todo o que dicimos do suxeito. Ten un núcleorepresentado polo verbo(aterrou).

O suxeito e o verbo concordanen número (singular ou plural) e persoa (eu, ti, el/ela, nós, vós, eles/elas).

O suxeito pode aparecer ao final da oración:

Tres horas estiveron falando   Manuela e Antón

         Predicado                              Suxeito

Ás veces, o suxeito non aparece na oración dunha maneira explícita, porque está sobreentendido. Por exemplo: Vimos onte  a televisión. Nesta oración non hai explicitamente unha palabra que faga de suxeito, aínda que polo verbo que usamos entendemos que o suxeito é “nós”. Neste caso, falamos de suxeito elípticoou tácito.

            (Nós)       __     Vimos onte  a televisión

   Suxeito elíptico                    Predicado

Tipos de oración simple pola intención do falante

As oracións pódense distinguir entre elas pola intención que o falante ten cando se expresa. Por exemplo, non é o mesmo dicir Ese rapaz é parvo? que Ese rapaz é parvo!

Deste xeito, podemos distinguir varios tipos de oracións simples segundo a intención do falante:

  • Enunciativas (expresan, sen máis, feitos): Traballa na agricultura.
  • Interrogativas (preguntan algo): Imos ao cine? Quen vén? Cando marchas?
  • Volitivas (exprésase mandato, prohibición ou rogo): Ven aquí agora!
  • Exclamativas ou emocionais (expresan sentimentos de sorpresa, temor, alegría: Que xeito de chover! Lembre que en galego os pronomes interrogativos e exclamativos non levan til.

Actividades propostas

S8.     Nas seguintes oracións indique cal é o suxeito e o predicado.

  • Mónica recolleu a cafeteira

 

  • A nena levou todo ata o vertedoiro da cociña

 

  • Lembramos eses días do verán pasado

 

  • Volvían agora á súa mente as palabras

 

S9. Nestas oracións hai erros de concordancia entre suxeito e predicado. Corríxaos.

  • O neno, a nena e o seu pai veu no autobús.

 

  • Gústame as películas de vaqueiros.

 

  • A multitude abalanzáronse contra o orador.

 

  • Toda aquela xente viñeron andando.

 

S10. Clasifique as seguintes oracións simples atendendo á intención do falante:

  • Cala xa!:

  • Isto é unha trapallada!:

  • A que hora é o cine?:

  • Ana vai ao médico:

  • A muller de azul chámase Mercedes:

  • Quen che dixo iso?:

S11. Escriba dúas oracións enunciativas, dúas interrogativas, dúas volitivas e dúas exclamativas.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License