2.7 Clases de palabras: os adverbios, as preposicións e as conxuncións (aspectos teóricos

En anteriores unidades vimos que existen clases de palabras coas que podemos referirnos ou sinalar persoas ou cousas sen nomealas directamente. Son as expresións deícticas. Estudamos así os pronomes persoais e os demostrativos.

Existen outras expresións deícticas que nos serven para sinalar circunstancias de lugar ou tempo. Se estou a falar cun coñecido e lle digo "vémonos alí", o meu interlocutor ten que saber previamente a que lugar me refiro; doutro modo non entendería o significado da palabra "alí". Igualmente, se lle digo "prefiro que nos vexamos antes", non me entenderá se non sabe a que momento ou hora nos estabamos a referir. "Alí" é unha expresión deíctica de lugar e "antes", de tempo.

Os adverbios

As palabras que expresan a deíxe temporal son adverbios. Os adverbios son palabras invariables; isto quere dicir que non teñen xénero, número nin persoa. Serven para modificar un verbo, un adxectivo ou outro adverbio. Exemplos: Verémonos mañá, É pouco traballadora Pilar conduce moi ben..

Cando un grupo de palabras realizan a mesma función que un adverbio chámanse locucións adverbiais: pouco a pouco, de cando en vez, etc.

Os adverbios clasifícanse segundo a circunstancia que expresan; hainos de tempo, lugar, cantidade, modo, afirmación, negación e dúbida.

  • Tempo. Os adverbios de tempo son os que utilizamos para expresar circunstancias de tempo. Algúns deles son: a cada pouco, a destempo, a diario, a miúdo a tempo, acotío, agora, aínda, antes, antes de, antonte, ao outro día, ao pouco, aos poucos, arestora, arreo, ás veces, axiña, daquela, decontado, deseguida, deseguido, decote, decotío, entón, entrementres, hogano, hoxe...

  • Modo. Existe unha forma moi común de formar adverbios de modo a partir dos adxectivos. Engádese o sufixo -mente aos adxectivos na súa forma feminina. Fíxese que estes adverbios son palabras graves rematadas en vogal e polo tanto non levan til. Exemplos: de fácil, facilmente; de difícil, dificilmente; de soa, soamente...

  • Lugar. As palabras que expresan circunstancias espaciais son adverbios de lugar. Algúns deles son: á beira, a carón, abaixo, acá, acó, acolá, adiante, aí, alá, algures, alí, aló, ao lado, ao redor, arredor, arriba, atrás, cerca, debaixo, dentro, derredor, derriba, detrás, diante, embaixo, en fronte, fóra, lonxe, ningures...

As preposicións

As preposicións son un grupo de palabras invariables que teñen como función servir de enlace entre outras palabras. Son preposicións: a, agás, ante, baixo, cabe, canda, con, conforme, consonte, contra, de, deica, dende, en, entre, malia, mediante, menos, para, perante, por, segundo, sen, senón, sobre, tras...

Algunhas preposicións poden contraerse cos artigos determinados, cos indeterminados e cos demostrativos: a (ao, á, aos, ás), de (do, da, ... dun, dunha,... deste, dese, daquel...), en (no, na, ... neste, nese, naquel...), por (polo, pola, polos, polas).

 

As conxuncións

As conxuncións son un grupo de palabras invariables que permiten relacionar entre si palabras ou oracións. Serven para unir dúas ou máis oracións, para establecer relacións de contraposición, de explicación, etc.Tamén poden expresar relacións de causa, condición, comparación, etc.

Cando redactamos textos, moitos dos conectadores que utilizamos son conxuncións. A continuación ten, a título informativo, un cadro coas conxuncións máis importantes:



Conxuncións

Coordinantes

  • Copulativas

  • e, nin, que

  • Disxuntivas

  • ou

  • Adversativas

  • mais, pero, aínda que

  • Distributivas

  • ou...ou, ben...ben, xa...xa, ora...ora

  • Explicativas

  • ou sexa, é dicir, isto é, é máis

Subordinantes

  • Causais

  • pois, logo entón, así que, así pois, polo tanto, xa que logo, por conseguinte

  • Comparativas

  • como, coma, tan...como /coma, tanto /-a /-os /-as...como ou coma, igual... que/ca, máis/menos... que /ca /do que.

  • Concesivas

  • malia, (a)inda que, mesmo que, pese a que, a pesar de que, por pouco que, por máis que, por moito que...

  • Condicionais

  • se, en caso de que, sempre que, a pouco que, a non ser que, salvo que/se, senón que, agás que...

  • Consecutivas

  • conque, logo, así que, de sorte que, de tal xeito que, de tal maneira que, de tal sorte que, polo tanto, xa que logo.

  • Finais

  • para que, a que, a fin de (que)...

 

Actividades propostas

Actividades propostas.

S9. Subliñe nestas frases os adverbios de lugar e tempo. Despois, clasifíqueos.

  • Esa lámpada dá pouca luz; ás veces, á tardiña xa parece que é noite.

  • Agora vive lonxe e nunca chega cedo á oficina, pero despois, traballando a présa, recupera o perdido.

  • Vai de vagar, que Pontevedra está preto e, se corres demasiado, quizais non chegues nunca.

  • Antonte contaba o avó como antano sempre había un pillabán que mataba a luz do candil para andar ás apalpadelas.

  • Fuches antes alí?

  • Saíndo, á beira da parede, é onde deixan decote o lixo.

  • Están fóra, non as deixei dentro porque ía moita calor.
  • Para onde vas? –Vou para ningures.

Actividades propostas

S10. No exercicio anterior, cales son adverbios e cales locucións adverbiais?

Actividades propostas

S11. Substitúa os adverbios e locucións subliñados por outros equivalentes:

    • Agora deben estar xantando na casa.

    • Estaba a diario coa teima de saír de vacacións.

    • Ven axiña, non tardes, que non chegamos ao cine.

    • Sempre bota unha soneca despois de xantar

S12. Encha os ocos das frases coas preposicións axeitadas.

 

  • Todos na familia usan lentes, (excepto) tía Minia.

  • Gustaríame ir no tren alta velocidade.

  • Agardei por el as oito as nove.

  • mañá!

  • Teño que ir vós, para chegarmos todos á mesma hora.

  • o manual de instrución, hai que premer esta tecla.

 

  

Actividades propostas

S13. Subliñe as contraccións que atope no texto de Alfonso Álvarez Cácamo do exercicio S4.

Actividades propostas

S14. Subliñe as conxuncións que hai nestas oracións.

  • Non quixo cear nin quedarse á conversa.

  • Iría contigo de boa gana, pero teño moito traballo.

  • Aceptará a proposta sempre que as condicións sexan as que esixe.

  • Debe saber a verdade a fin de non andar matinando seguido.

  • Por moito que diga, non ousará enfrontarse ao patrón.

  • Colle o paraugas ou vai en autobús.

  • Xa quedou amañado, polo tanto podemos saír sen ansias.

Para realizar máis exercicios pode acudir a:

http://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/morfoloxiaexercicios.html

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License