2.4 Un conto galego literario ou culto: Sobre a morte de Bieito

Foi preto do camposanto cando eu sentín buligar dentro da caixa ao pobre Bieito. (Dos catro que levaban o cadaleito eu era un). ¿Sentino ou foi aprehensión miña? Entón non podería aseguralo. ¡Foi un rebulir tan maino!...

Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto- comprendede, escoitade- polo tanto non podía, non debía dicir nada.

Imaxinade nun intre que eu dixera:

-O Bieito está vivo.

Todas as testas dos velliños que portaban cirios ergueríanse nun babeco agalaio...

-¡O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo!...

Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén, descompasándose, a gravedosa marcha que planxía nos bronces da charanga...

Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ao da miña banda e acoibexando a pregunta nun sorriso de retranca insinuei:

-¿E se o Bieito fose vivo?

O outro riu picaramente como quen di: “Que ocorrencias temos”, e eu amplifiquei adrede o meu falso sorriso de retranca...

Cando o crego remate, pensei. Mais o crego acabou e a caixa descendeu á cova sen que eu puidera dicir nada.

Cando o primeiro cadullo de terra bicado por un neno petou dentro da cova nas táboas do ataúde, subíronme ata a gorxa as verbas salvadoras. Mais entón acudiu novamente ao meu maxín a seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada, se o Bieito se topaba morto e ben morto.

...

Todo o día, andei tolo de remorsos. Vía o pobre Bieito grafiñando as táboas nese espanto absoluto máis alá de todo consolo e de toda conformidade, dos enterrados en vida...

E pola noite- non o puiden evitar- funme camiño do camposanto, coa lapela subida, arrimado aos muros.

Cheguei. O cerco por unha banda era baixiño: uns rebos mal postos, apreixados por hedras e silveiras. Paseino e fun dereito ao sitio... Deiteime no chan, apliquei a orella, e axiña o que oín xeoume o sangue. No seo da terra unhas uñas desesperadas rabuñaban nas táboas. ¿Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho... Ía xa cara a el cando fiquei suspenso. Polo camiño que pasa a rentes do camposanto sentíanse pasadas e rumor de fala. Viña xente. Entón si que sería absurda, tola, a miña presenza alí, daquelas horas e cun sacho na man.

¿Ía dicir que o deixara enterrar sabendo que estaba vivo?

E fuxín coa lapela subida, pegándome aos muros.

A lúa era chea e os cans ladraban lonxe.

Dieste, Rafael, Dos arquivos do trasno, editorial Galaxia, Vigo, 1962.

Actividade proposta

Actividade proposta

S4.  Lea agora o texto seguinte (Sobre a morte de Bieito) e responda ás cuestións:

  • De que se fala no texto?
  • Teña presente a teoría explicada e diga por que o texto 2.4 é de tipo narrativo.
  • Fíxese no narrador: é tamén un personaxe da historia?
  • Pode sinalar exemplos de como o narrador se dirixe ao lector?
  • Nos textos narrativos sempre hai unha estrutura da narración, que se divide en tres partes: presentación, nó e desenlace. Pode sinalar esas tres partes neste conto de Rafael Dieste?

Actividade proposta

S5. Os temas das obras literarias repítense unha e outra vez e, con frecuencia, utilízanse tamén nos guións das películas e das series de televisión. Un dos filmes españois máis premiados do ano 2011 foi o que leva por título Buried (enterrado, en inglés), do director Rodrigo Cortés. Busque información sobre o guión da película e escriba un resumo del.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License