2.9 Os medios de información dixital. O xornal (aspectos teóricos)
Na actualidade, coa importancia crecente de internet, os medios impresos de información (xornais, dicionarios, enciclopedias...) estanse vendo relegados, por diversas razóns, a un segundo plano polos medios dixitais de información. As causas son varias, pero principalmente podemos salientar as seguintes:
Os medios de información dixital permiten unha actualización constante das noticias e os sucesos que se producen ao longo das horas e dos días. Isto non sucede, por exemplo, cos xornais impresos, pois debido ao seu propio formato necesitan máis tempo (un día ou varias horas) para sacar á rúa outra nova edición actualizada.
Os medios de información dixital permiten que o texto da noticia se vexa acompañado de elementos multimedia (é dicir, material audiovisual) que reforzan e amplían o comentado no texto.
Aínda que esta opción é na maioría dos casos de pagamento, os xornais e outros medios dixitais permiten o acceso a números anteriores da publicación. Para iso inclúen un buscador que facilita a localización de calquera noticia que nos interese. Xa que logo, temos moita máis información e recursos ao noso dispor que cun medio impreso, onde este tipo de facilidade é impensable debido ás propias limitacións do formato.
Esa mesma limitación da que falabamos no punto anterior fai que os medios dixitais poidan ofrecer moita e máis variada información que os medios impresos, o que sempre supón un valor engadido para o posible lector, pois, por exemplo, ten máis onde escoller.
Mais non todo son proles dentro do mundo dixital, pois esa amplísima oferta de información da que falabamos no punto anterior produce un efecto colateral que é a saturación dela. Isto provoca que o lector, ante a enorme cantidade de información que ten diante de si, acabe prestando atención tan só a unha ou dúas cuestións que poden ser pouco salientables, ante a imposibilidade real de ler toda as noticias e os textos que ten ao seu dispor.
Tampouco nos podemos esquecer de que outro “pero” é o medio no que lemos. Ata o de agora non se logrou dar cun dispositivo electrónico que permita unha lectura tan doada e cómoda coma a do xornal ou libro impreso; de aí que estes sigan, na actualidade, gozando dunha enorme popularidade. Pola contra, resulta bastante incómodo (aínda que se están a producir avances ao respecto) ler un xornal na pantalla dun computador durante máis de dez minutos seguidos.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License