2.1.1 Lingua oral e lingua escrita. Diferenzas (aspectos teóricos)

A linguaxe verbal ten dúas grandes modalidades: lingua oral e lingua escrita. O uso dunha modalidade ou outra vai depender do contexto, da situación en que se atopan o emisor e o receptor no momento da comunicación.

Na lingua oral o material que utilizamos son os fonemasou sons que emitimos cos órganos da fonación; na lingua escrita son signos gráficosvisuais, as letras, que tratan de ser o máis fieis posible aos fonemas. Destas grafías, dezaoito correspóndense coas consoantese cinco son vogais(a, e, i, o, u).

Fíxese que no caso de dúas vogais, o ee o o, cada letra ou grafía se corresponde con dous fonemas ou sons. Isto é así porque en posición tónica poden ser abertos ou pechados.

  • Exemplos de palabras con epechado: mesa, neno, home
  • Exemplos de palabras con eaberto: pedra, mel, medo, sete
  • Exemplos de palabras con opechado: home, rato, mozo, neno
  • Exemplos de palabras con oaberto: roda, mol, fóra

Diferenzas entre lingua oral e escrita

Isto implica que en galego hai sete fonemas vocálicos. Pero ademais, hai outras diferenzas entre a lingua oral e a lingua escrita. Algunhas destas diferenzas son as seguintes:

  • Na lingua oral a canle de comunicación é auditiva: o receptor percibe o texto co oído. Na lingua escrita a canle de comunicación é visual: o receptor percibe o texto coa vista.
  • Na lingua oral a comunicación prodúcese de xeito case inmediato, xa que emisor e receptor están presentes. Na escrita a mensaxe tarda máis en chegar ao receptor (mesmo ás veces pode tardar séculos, pensemos en textos literarios escritos na Idade Media).
  • A lingua oral é momentánea; isto quere dicir que a mensaxe ten a duración limitada do momento da comunicación. A lingua escrita é perdurable, a mensaxe pode permanecer inalterable ao longo do tempo.
  • A lingua oral está fortemente apoiada na entoación e nos xestos corporais dos falantes que transmiten moita información (sorpresa, dúbida, ironía, alegría, preocupación, tristeza, expectativa...). A lingua escrita carece destes recursos e precisa substituílos por outros específicos: signos de admiración, interrogación, puntos, comas, espazos en branco, guións, parénteses, maiúsculas...

 

 

  • Na lingua oral o normal é que interactúen emisor e receptor (fala un, fala outro, interrómpense, quítanse a palabra, un acaba unha frase que empezou o outro, hai sobreentendidos...). Todo isto vai construíndo e modificando a mensaxe no propio momento en que se produce. Na lingua escrita non sucede esta interacción, xa que a resposta do receptor non sempre se dá, e no caso de darse (resposta a unha carta, por exemplo) estará demorada no tempo.
  • A lingua oral é máis espontánea e menos coidada, abundan nela as repeticións, as frases inacabadas, as estruturas máis sinxelas, as palabras comodín... A lingua escrita é máis elaborada e precisa, e normalmente require unha planificación.

Fíxese como os seis puntos anteriores son semellantes aos vistos no punto correspondente da unidade 1 deste mesmo módulo. Mais neste caso non nos limitamos só a definir a lingua oral, senón que a comparamos coa lingua escrita.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License