2.6 A formación de palabras. Composición e derivación (aspectos teóricos)
O léxico non é inalterable nin fixo; ao longo do tempo vai experimentando transformacións. Hai palabras que deixan de utilizarse, outras evolucionan e modifícanse, e tamén se incorporan palabras novas.
Para a formación de palabras novas a partir das xa existentes hai tres procedementos: derivación, composición e parasíntese. Nós imos centrarnos nos dous primeiros: derivación e composición.
-
Derivación. Fíxese neste grupo de palabras: pan, panadeiro, panadaría, empanar, empanada, panificadora...
Como ve, todas elas teñen unha parte común (pan) que é o seu lexema ou raíz. As demais palabras formáronse engadindo a este lexema prefixos (se van diante) e sufixos (se van detrás). A derivación é un procedemento de formación de palabras consistente en engadirlle a un lexema prefixos e sufixos.
-
Composición. Fíxese agora na formación destoutro grupo de palabras:
- Xordo + mudo = xordomudo
- Tapa + cubos = tapacubos
- Afía + lapis = afialapis
A composición é un procedemento de formación de palabras novas consistente na unión de dúas ou máis palabras.
-
Familia léxica. Todas as palabras que teñen un mesmo lexema e, polo tanto, unha parte do seu significado é común, forman unha familia léxica. Exemplo: pan, panadeiro, panadaría, empanar, empanada, panificadora...
Ás veces, dentro da mesma familia léxica aparecen palabras con lexemas diferentes, porque un é de orixe culta e outro non. Así, por exemplo, a familia léxica de oito está formada, entre outras palabras, por: oito, oitenta, oitocentos, octoxenario, octógono, etc. Todas estas palabras teñen que ver co significado oito, pero unhas proceden da palabra patrimonial galega (oito → oitenta, oitocentos) e outras directamente do lexema latino octo-, que tamén significa oito nesa lingua (octoxenario, octógono).
Derivación: prefixos
Como dixemos, os prefixos colócanse diante do lexema para formar palabras novas. A continuación citamos algúns prefixos e o seu significado.
-
Prefixo
Significado
Exemplos
-
a-
-
Negación, privación
Amoral, ateo
-
bi-
-
Dúas veces, dous
Bilingüe, bígamo
-
biblio-
-
Relacionado cos libros
Bibliografía, biblioteca
-
pre-
-
Anterioridade
Predicir, prehistoria
-
re-
-
Repetición
Refacer, retorcer
-
tri-
-
Tres veces, tres
Trimestre, trípode
-
Derivación: sufixos
Lembre que os sufixos van detrás do lexema para formar palabras novas. A continuación citamos algúns sufixos galegos e o seu significado.
-
Sufixo
Significado
Exemplos
-
-ame
-
Conxunto de
Dentame, enxame
-
-edo
-
Colectivo
Arboredo
-
-aría
-
Lugar
Panadaría, confeiaería
-
-án
-
Profesións
Tecelán, artesán
-
Tamén son sufixos de uso moi frecuente os seguintes:
-
Para expresar diminución (diminutivo):
-iño/a rapaciña
-echo/a gordecho
-elo/a cadelo
-ete/a banqueta
-
Para expresar aumento (aumentativo):
-ón/ona mullerona
-azo/a cochazo
-
Para expresar desprezo (despectivo):
-aco/a paxarraco
-acho/a fiacho
-exo lugarexo
-uco/a casuca
-ucho/a cuartucho
-allo/a espantallo
-oupo/a casoupa
Cambio de categoría gramatical
Na formación de palabras por derivación sucede con frecuencia que, ao lle engadir ao lexema sufixos ou prefixos, se obteñen palabras de distinta categoría gramatical pertencentes todas elas á mesma familia léxica. Fíxese nos exemplos:
-
Substantivo
Adxectivo
Verbo
-
Pan
-
Empanado
Empanar
-
Conversa
-
Conversador
Conversar
-
Lousa
-
Lousado
Lousar
-
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License