2.4 Presentación de textos escritos en soporte impreso e dixital (aspectos teóricos)

Un bo texto é aquel que recolle perfectamente os contidos aos que ten que facer referencia e que ten unha presentación ordenada, limpa e atractiva. Pense que debe haber un equilibrio entre o contido do texto e a súa presentación, o aspecto externo é un factor que, sen dúbida, ha favorecer a comunicación e ha beneficiar a súa cualificación.

A adecuada presentación do texto escrito implica unha serie de elementos que deben organizarse dunha maneira comunmente aceptada. Agora estudaremos eses aspectos formais que deberá ter en conta para a presentación dos seus traballos.

Deseño de páxina: tipo de papel, marxes, espazamento entre liñas, xustificación e confección do parágrafo

  • Tipo e orientación do papel: o primeiro que ten que decidir é o tipo de papel que vai empregar. A non ser que o seu texto requira un tipo de soporte especial, o normal é empregar un tamaño de papel DIN A4 (210 x 297 mm) con orientación vertical. Tamén se pode utilizar a orientación horizontal, mais non se debe abusar deste recurso, pois obriga o lector a estar modificando a posición para a súa lectura, o que resulta incómodo. Normalmente, emprégase papel de 0,80 gramos. O seu grosor faino máis cómodo, pois soporta moi ben tanto a escrita á man como a impresión, aínda que se poden usar papeis doutro peso.

  • Tamaño: o de todas as follas que ocupe o texto debe ser igual, mais no caso de que ese texto sexa un traballo académico e leve portada e contraportada, estas dúas páxinas si que poden ser uns milímetros máis grandes que o resto.

  • Marxes: para a correcta presentación do traballo é moi importante prestar atención ás marxes. Para un tamaño DIN A4 as marxes superior e inferior poden ser de 2,5 cm, e a esquerda e dereita de 3 cm. Se vai encadernar o seu traballo cunha espiral ou con calquera outro medio, pode deixar unha marxe un pouco maior á esquerda. Daquela, logo de encadernado, a marxe visible ha ser igual aos dous lados do papel. Por exemplo, pode elixir 3,5 para a marxe esquerda.

 Espazamento entre liñas: é o espazo vertical que se establece para separar as liñas de texto. Os máis usados son o sinxelo, o de 1,5 liñas e o dobre. O normal é establecer un espazamento sinxelo, que se adapta ao tamaño de fonte (tipo de letra) utilizado. Tamén podemos usar un espazamento de 1,5 liñas, equivalente a 1,5 veces o sinxelo. Ou en determinadas ocasións un espazamento dobre, que duplica o sinxelo.

O espazamento sempre está en relación co tamaño de letra usado.

Vexamos uns exemplos de espazamento entre liñas:

Espazamento sinxelo.

Kamil Moravék era máis ben unha persoa introvertida. Afastábase da sociedade pero cando podía, axudaba aos demais. Unha vez incluso namorou. Dunha loura. Ao principio baixaba os ollos diante dela pero, máis tarde, esa timidez desapareceu e as cousas entre eles chegaron ata tal punto que lle mercou caramelos.

Espazamento de 1,5 liñas.

Espazamento dobre.

Logo de ver os exemplos, decatarase de que o normal e máis correcto para a presentación dos seus textos e traballos é o espazamento sinxelo (pode usar o de 1,5 liñas ou o dobre para a confección de títulos e subtítulos).

  • A xustificación: é a disposición do texto na liña en relación coas marxes. Hai catro tipos de xustificación: esquerda, dereita, centrada e completa.

Esquerda: neste tipo de xustificación aparecen ao final da liña, á dereita, espazos en branco que varían segundo a lonxitude do texto e dá a sensación de que falta texto para completar as liñas. Este tipo de xustificación reflicte a escrita manual.

Kamil Moravék era máis ben unha persoa introvertida. Afastábase da sociedade pero cando podía, axudaba aos demais. Unha vez incluso namorou. Dunha loura. Ao principio baixaba os ollos diante dela pero, máis tarde, esa timidez desapareceu e as cousas entre eles chegaron ata tal punto que lle mercou caramelos.

Dereita: este tipo de xustificación é bastante habitual en trípticos ou noutro tipo de textos publicitarios para facilitar a inserción de imaxes. O seu emprego resulta artificial para un tipo de texto de carácter formal.

Kamil Moravék era máis ben unha persoa introvertida. Afastábase da sociedade pero cando podía, axudaba aos demais. Unha vez incluso namorou. Dunha loura. Ao principio baixaba os ollos diante dela pero, máis tarde, esa timidez desapareceu e as cousas entre eles chegaron ata tal punto que lle mercou caramelos.

 Centrada: úsase en textos de creación, normalmente líricos.

Kamil Moravék era máis ben unha persoa introvertida. Afastábase da sociedade pero cando podía, axudaba aos demais. Unha vez incluso namorou. Dunha loura. Ao principio baixaba os ollos diante dela pero, máis tarde, esa timidez desapareceu e as cousas entre eles chegaron ata tal punto que lle mercou caramelos.

 Completa: é a que produce un efecto estético máis agradable. Xa que logo, é a máis recomendable para aplicala nun texto ou traballo que faga.

Kamil Moravék era máis ben unha persoa introvertida. Afastábase da sociedade pero cando podía, axudaba aos demais. Unha vez incluso namorou. Dunha loura. Ao principio baixaba os ollos diante dela pero, máis tarde, esa timidez desapareceu e as cousas entre eles chegaron ata tal punto que lle mercou caramelos.

 A confección do parágrafo: o normal é que a primeira liña do parágrafo (excepto no primeiro parágrafo) posúa unha sangría.Isto significa que a primeira liña comeza un pouco metida á dereita, o que non debe ser inferior a tres espazos.

Tamén é normal (aínda que non sempre se produce) que entre cada parágrafo se estableza unha maior separación que entre as liñas.

Durante algún tempo, namorouse de Kamil Morávek a loura que vivía enfronte. Amosáballe o seu agarimo e fíxolle perder a cabeza.

Un día intentou apertalo pero Kamil ceibouse dela, fuxiu á súa casa, pechouse e tirou dos pelos porque a loura de enfronte lle gustaba moito.

Despois dalgúns meses decidiu pedirlle perdón. Buscouna, mais xa era tarde. Xa era nai e o seu marido mirouno con mala cara. Desde entón, Kamil só amaba de xeito platónico e moi de vez en cando.

[...]

Actividade proposta

S4. Revise o texto que creou na actividade anterior e mire se a súa presentación segue os parámetros establecidos no texto teórico que acaba de ler. Se non é así, corrixa o aspecto formal do texto modificando o necesario: marxes, parágrafos, espazamento de liñas, xustificación... Cando remate de corrixilo, imprímao.

S5. Acceda á Biblioteca Virtual Galega [http://bvg.udc.es/index.jsp] e faga o seguinte:

  • Pinche na opción Obras dispoñibles para lectura.
  • Deseguido, pinche na opción Títulos de narrativa.
  • Busque o seguinte autor: Reigosa, Carlos G.
  • Pinche na obra do autor que leva por título Crime en Compostela.
  • Agora pinche no recadro verde a carón da palabra texto que ten nesta pantalla actual e vexa detidamente o documento.
  • Describa o deseño de páxina que ten diante tendo en conta o lido no texto teórico: orientación do papel, marxes, espazamento, tipo de xustificación e confección do parágrafo.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License