2.5.3 Para escribir mellor: mecanismos de referencia interna (aspectos teóricos)

i

  • Ver Glosario: hiperónimo

Un exemplo de texto mal construído

  • Fíxese neste texto e trate de valorar se é se le con facilidade.

O prezo dos carburantes en Galicia, unha das comunidades máis caras de España para encher o depósito de carburante, subiu en apenas catro semanas un 2%. O prezo medio para o gasóleo está agora nos 1,187 euros por litro, dous céntimos máis que a inicios de decembro. No caso da gasolina de 95 octanos a suba do prezo de carburantes é de algo máis dun céntimo con respecto ao prezo do mes anterior. O prezo está agora, por termo medio, en 1,264 euros.

Este incremento medio do 2% do prezo dos carburantes chega case a continuación do incremento de prezo que efectuaron as compañías en vésperas da ponte da Constitución, levantando unha polémica que chegou ata o Congreso. Entón, a suba do prezo dos carburantes foi maior, de ata tres céntimos.

Cando se le este texto, atópanse algúns atrancos: repítense demasiadas veces as mesmas palabras: prezo, carburantes, etc.

O mesmo texto, mellorado

  • Agora lea o mesmo texto despois de que se lle fixeran algunhas correccións:

O prezo dos carburantes en Galicia, unha das comunidades máis caras de España para encher o depósito, subiu en apenas catro semanas un 2%. O prezo medio para o gasóleo está agora nos 1,187 euros por litro, dous céntimos máis que a inicios de decembro. No caso da gasolina de 95 octanos a suba é de algo máis dun céntimo con respecto ao mes anterior. Está agora, por termo medio, en 1,264 euros.

Este incremento medio do 2% chega case a continuación do que efectuaron as compañías en vésperas da ponte da Constitución, levantando unha polémica que chegou ata o Congreso. Entón, a suba foi maior, de ata tres céntimos”.

Para mellorar a claridade do texto e facilitar a súa lectura, elimináronse repeticións, utilizouse a elipse, usáronse pronomes. Son os que se chaman mecanismos de referencia interna.

Mecanismos de referencia interna: pronomes, repetición, hiperónimos, sinónimos e elipse

  • Repetición: consiste na reprodución exacta da mesma palabra ou expresión en distintos lugares do texto. Exemplo: Ninguén pode dormir sen permiso do conde. E vostede non ten tal permiso.

Ás veces, a repetición da mesma palabra fai que o texto sexa menos claro e lexible. Para evitar iso, utilízanse os pronomes, os hiperónimos, os sinónimos, a elipse...

  • Pronomes: son unha clase de palabras que nos permiten referirnos ás persoas ou ás cousas sen nomealas directamente, evitando así a repetición dos nomes. Exemplo: María veu onte. Ela dixo que non viría á cea.

  •   Hiperónimos: consiste en utilizar nunha oración ou texto unha palabra que designa unha clase (hiperónimo) á que pertencen outros termos (hipónimos), evitando así repetir literalmente o mesmo elemento. Exemplo: Aquela rosa branca, (hipónimo) que ten Eva na man, é preciosa. Facía tempo que non vía unha flor(hiperónimo) tan chamativa.
  • Sinónimos: son aquelas palabras que se escriben e pronuncian de maneira diferente pero que teñen o mesmo ou moi parecido significado. Teñen, polo tanto, diferentes formas ou significantes pero semellantes ou idénticos significados. Exemplos de palabras sinónimas: Vago, folgazán, nugallán, preguiceiro, langrán...; orela, beira, bordo, marxe, ourela...

  • A elipse: consiste en suprimir palabras que non son necesarias para a comprensión dun texto. Exemplo: Ese profesor é o mellor (profesor) de todo o instituto.

Actividades propostas

S13 No seguinte fragmento, extraído do texto Hai monstros, localice as repeticións, os sinónimos, as elipses e os pronomes que eviten as repeticións dos nomes. Sublíñeos e clasifíqueos.

Logo desta aventura, falei polo miúdo co comisario Santos, do barrio, e el proporcionoume moitos datos sobre o tema. A policía ten comprobado que neste terreo, os nenos nunca menten. Poden calar, por medo, pero, se falan, nunca menten. E tal acontece en todos os niveis sociais. Hai máis vítimas disto que de doenzas infecciosas ou envelenamentos. Un 19% dos adultos confesa ter sido vítima antes dos 17 anos. O 20% dos casos que chegan ao Grupo dos Menores da policía corresponde a este tema. E no que respecta ao pervertido, o perfil é tan amplo que se pode afirmar que non existen características definitorias deste tipo de criminais.

  • Repeticións

 

  • Sinónimos

 

  • Elipses

 

  • Pronomes

 

S14 Escriba un sinónimo de cada unha destas palabras. Se o necesita utilice o dicionario.

  • Abrasar

  • Cerrado

  • Alto

  • Esférico

  • Broche

  • Exemplo

  • Cerimonia

  • Gañar

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License