Día de magosto...

|
Ese día case non comín nada no Xantar. Quedara con Paulo
e a súa irmá ás tres menos cuarto na eira do señor Laureano. Cando cheguei
non estabamos sós, había uns vinte ou trinta mozos da aldea rindo e gastándose
bromas.
Paulo veume buscar...
- ¡Eh,...André estamos aquí!
- Trouxen estas castañas, non sei se servirán.
- Claro que serven, parecen moi boas, ¿Non as comprarías?
- ¡Non, oh! -mentín- o meu tío ten un castiñeiro grande na finca da Devesa.
- Non sabía eu del... ¡ Ei, que marchan todos!
Nunha gran procesión tódolos mozos e mozas da aldea iamos cara o monte
cargados con bolsas, latas vellas con buratos,... había algúns que
levaban ademáis machadas, sachas ou unha pá.
O sitio quedaba mais lonxe do que pensaba, chamábase a "Pedra Branca"
-non sei se sería pola cantidade de seixos que alí había-, era un gran
claro no monte no que case non había maleza, pasaba ademáis por alí un
regueiro con auga .
Un dos maiores, Celso, comenzou a dirixir a organización da festa:
|
|
-Todas as castañas á caixa de cartón, as rapazas ide picándoas e tirade
tódalas que teñan bicho,... Uns cantos ide con Manolo a preparar o lugar
da fogueira... Lelucha colle a dúas ou tres mais e ide buscar piñas e
fento seco para poder prender o lume... Os que trouxeron machada e tódolos
demais que veñan conmigo a buscar leña.
Eu mirei para Paulo e vin que se unía ós que tiñan sacha . Fun con eles.
Paulo presentoume: "Este é André o sobriño de Lino o da Congostra,
é de Vigo e vai estar aquí ata o venres".
"Pois que veña comigo a buscar pedras para a fogueira" - díxome
un rapáz miúdo que logo sabería que se chamaba Tomás.
Tomás collía pedras enormes e levantábaas como se tal cousa, eu para
non ser menos trataba de collelas parecidas pero chegaba ó lugar donde
logo fariamos a fogueira sen folgos. Recuperei a vida cando Paulo dixo
"Deixádeo xa, ¿a onde ides con tantas pedras?". As rapazas eran
as que mellor o pasaban. Mentres picaban as castañas estaban ós contos
e rindo.
Como ninguén trouxera unha parrilla colocamos as pedras de xeito que logo
puidéramos poñer as latas enriba .
As encargadas de buscar piñas, pica e fentos secos chegaron, así como
as primeiras viaxes dos da leña.
Dende lonxe un berrou: ¡Que di Celso que vaiades acendendo o lume!
Acenderon o fento seco e piñas e de seguido comenzaron a poñerlle enriba
as ramas mais delgadas.
Aínda que ó principio facía un pouco de fume pronto a chama fíxose impresionante.
Os que alí estabamos estivemos botándolle leña todo o tempo.
O lume hipnotizounos e estabamos todos alí como apampados mirando como
saltaban as charamuscas . Alguen foi ó regueiro a buscar dous caldeiros
con auga para regar ó redor da fogueira e evitar que o lume puidese escapar.
Celso deu a orde: ¡Deixade xa de botar leña!
Esperamos ata que as chamas se apagaron por si soas e cunha pá foron levando
as brasas para o lugar que nós preparamos coas pedras. O vento facía que
as chamas reaparecesen de cando en vez. Distribuiron as brasas e puxemos
as latas coas castañas, dandolle voltas couns paus longos. O arrecendo
das castañas asadas invadeu todo o lugar.
As primeiras castañas xa estaban asadas. Todos fumos coma tolos a coller
a primeira. ¡Nunca probara castañas tan saborosas!.
Empezaron xa a abrir as primeiras botellas con viño tinto novo. Probeino
pero sóubome fatal, así que decidín beber auga do regueiro cando tivera
sede.
Algúns estaban subindo a unha árbore e baixando logo agarrados a unha
rama delgada . Chamábano "O ascensor". A rama cada vez subía
menos. De seguro acabaría rompendo.
Celso veu cun adival e dixo: "A tirar pola corda: os de Trasmonte
cos da Areeira. A mín metéronme no grupo da Areeira -non sei o porqué-
. A primeira vez gañamos nós, pero ó longo da tarde fixemos unhas dez
ou quince competicións mais. Nas últimas xa non fixen forza, pois tiña
as máns peladas.
Ó primeiro comiamos moitas castañas, pero logo estas fóronse amoreando
e xa ninguén facía caso delas.
Vin un balbordo e pensei que estaban pelexando. O que ocurría é que un
coas mans todas negras de borro tentaba pasarllelas pola cara a unha rapaza.
Esta berraba e corría polo monte. Pouco despois todos facían o mesmo.
Eu evitei que me manchasen un bo rato, pero cando xa estaba como os demais,
metín as mans nas castañas e emborrei a todos os que puiden. Foi cando
mellor o pasei.
O sol marchou e puxémonos a recoller todo.
De volta á casa algúns fixeron fachos coas últimas brasas e iluminaban
o camiño. Os cans ladraban na aldea. Pareciamos a Santa Compaña.
Despedímonos todos e cada un foi á súa casa.
|