 |
A festa do magosto
O magosto prepárase con certa antelación, deséxase unha
tarde soleada, os grupos pónense de acordo para coñecer ó que aportará
cadaquén fundamentalmente castañas e viño novo (aínda que nalgúns lugares
complétano con: chourizos, churrasco,...).
Tamén esta celebración ten a súa hora, o Magosto
tradicional enténdese como unha merenda-cea no mes de novembro nos días
próximos ó día de defuntos ou polo San Martiño. Despois de xantar, a partir
das tres coménzase a facer os preparativos. Iníciase a andaina camiño
do monte, encontrándose con otras familias ou grupos de amigos, búscase
o lugar axeitado (descampado, encrucillada, longa laxa de pedra, onde
o lume non poida facer mal), todos van cantando e disfrutando do día de
outono. Búscase pica, fentos secos, piñas ou palla para prender o lume.
Acéndese o lume, inicalmente produce
moito fume, pero logo a larada aumentará de volume e todos se achegan
enfeitizados polo seu embruxo.
Picaremos as castañas para que despois non rebenten
no lume.
Cando o lume se apague por
sí só, amorearemos as brasas, poñeremos unha parrilla e nela unha lata
con buratos na que iremos colocando as castañas xa picadas. Darémoslle
voltas cun pau longo de madeira ata que estén no seu punto, ben asadas
pero non totalmente torradas.
Mentres isto se vai facendo , os
demais participantes preparan o sitio onde comelas e fan cucuruchos con
papel para poder levalas.A festa non sería tal sen
contar con xogos populares, bailar, contar contos, cantar,...
É común emborrallarse a cara uns
ós outros cos restos da fogata e saltala para que dea boa sorte.

|