2.1.2 Características da Revolución Industrial. Orixe e factores que a explican

Desde finais do século XVIII e comezos do XIX, primeiro en Gran Bretaña e despois no continente, abriuse paso un novo sistema de produción: o sistema industrial. Este novo sistema baseábase en tres aspectos fundamentais: división do traballo, uso de máquinas eficaces e aproveitamento de novas fontes de enerxía. Mais a Revolución Industrial non é só a aparición da actividade industrial e do sistema fabril. Foi unha transformación total na sociedade que influíu en todos os eidos da vida. Foi un proceso lento e imparable, é dicir, un cambio constante e de crecemento continuo. No entanto, por que se produciu a Revolución Industrial na Gran Bretaña de fins do século XVIII? Deuse a combinación de diversos factores que explica o seu desenvolvemento:

  • Estabilidade política en Gran Bretaña, cunha monarquía liberal consolidada que lles permitiu ficar á marxe das revolucións liberais vividas no resto de Europa e América.
  • Abundancia de capitais, procedentes do intercambio comercial británico con outros continentes. O té, o tabaco ou o tráfico de escravos creara grandes fortunas (comerciantes e banqueiros) que lle proporcionaban á metrópole grande variedade de materias primas e abundante man de obra.
  • Aumento da poboación, debido á redución das epidemias no século XVIII, ao que se lle engadiu o desenvolvemento da agricultura, que permitiu unha mellor alimentación e un descenso da mortalidade.
  • Industrias tradicionaisMelloras no eido da agricultura:
    •  Aumento da produción, que permitiu alimentar un maior número de persoas.
    •  Melloras técnicas que reduciron o número de campesiños que se precisaban para as tarefas agrícolas.
    • Estas novas técnicas precisaban metais para a fabricación de maquinaria, o que favoreceu o desenvolvemento da industria siderometalúrxica.
  • Desenvolvemento tecnolóxico: o aumento na demanda de maquinaria no sector téxtil favoreceu a aparición de sinxelos inventos, ao principio construídos en madeira por artesáns ou persoas sen preparación axeitada.
  • Melloras no transporte, favorecidas pola aparición de novos inventos, que permitiu transportar maior cantidade de produtos, a longas distancias e en menos tempo.
  • Abundancia de ferro (montes Peninos) e carbón (Inglaterra, Gales e Escocia).
  • A insularidade de Gran Bretaña proporciónalle moitos portos, que facilitan o comercio insular e internacional. A construción de canles en ríos navegables favorece tamén o desenvolvemento do mercado, importante para poder facer futuros investimentos.

Tomando como exemplo as fábricas de tecidos da rexión de Lacanshire, podemos comprobar a interacción de todos estes factores. Nesta zona, próxima a Liverpool, estaban instaladas compañías que transportaban a América escravos e tecidos, e importaban algodón.

O proceso de transformación do algodón tiña dúas fases: a fiadura e a tecedura. A fiadura era máis lenta, e por iso os esforzos se dirixiron primeiro a mecanizar ese proceso. Os primeiros inventos foron as fiadoras mecánicas, entre 1764 e 1767.

Mais para mover estes enxeños mecánicos precisábase unha nova fonte de enerxía que fose máis eficaz que a de tracción animal ou a hidráulica. Este problema resolveuse co perfeccionamento da máquina de vapor de James Watt, que se aplicou ás fábricas téxtiles desde 1785. Esta máquina utilizaba a presión do vapor de auga para producir unha forza motriz que se transmitía despois a toda a fábrica mediante un sistema de barras e correas.

 

Cada traballador especializábase nun aspecto concreto do proceso de produción, é dicir, nunha tarefa concreta. Uns traballadores atendían a máquina de vapor, outros transportaban a la, outros preparábana, outros atendían a máquina de fiar, etc. É o que se coñece como división do traballo, base do sistema de traballo industrial. Rompíase así a organización ancestral propia dos artesáns e mesmo das manufacturas, na que o traballador desenvolvía el só toda a fabricación do obxecto, desde o principio ao final.

O desenvolvemento de novos enxeños mecánicos para a industria e o transporte foi imparable. En 1789 deseñáronse os primeiros teares mecánicos e desde 1807 a máquina de vapor aplicouse á navegación e ao ferrocarril. A partir de 1840 producíronse importantes innovacións no proceso de transformación do ferro. A demanda deste metal medrou espectacularmente, pois eran necesario para a fabricación de todo tipo de máquinas e para o ferrocarril. A modernización dos grandes fornos siderúrxicos (onde se fundía o mineral de ferro) esixía grandes cantidades de carbón, o que provocou un aumento e unha modernización das catividades nas concas hulleiras.

A aplicación do sistema industrial permitiu fabricar máis cantidade de bens a un prezo menor, o que favoreceu o consumo e o crecemento económico xeral

Actividades propostas

S2. Observe o mapa no que se reflicten as industrias tradicionais e modernas de Inglaterra e logo conteste ás seguintes cuestións.

  • Cales son os límites xeográficos de Gran Bretaña?
  • Cite o nome de cinco enclaves onde se concentraba a industria tradicional inglesa.
  • Cite cinco enclaves de industria moderna.
  • Que materias primas se traballaban na industria téxtil inglesa?
  • Onde se situaban os centros industriais británicos?
  • Sitúe no mapa os montes Peninos e localice Escocia, País de Gales e Inglaterra. Cal é a súa importancia industrial?

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License