Cultura trobadoresca

  • Na metade do s. XII, coincidindo cun período de forte crecemento económico e demográfico,nas cortes nobiliares europeas prodúcese unha relaxación dos hábitos guerreiros, un refinamento nos costumes e unha revalorización do papel social da muller. Neste ambiente xorde a poesía lírica en lingua romance,de temática amorosa,que segue as regras do amor cortés.É a poesía trobadoresca,primeiro movemento literario de ámbito europeo.








    Esta cultura trobadoresca orixínase na Provenza, no sur de Francia,en tempos do duque de Aquitania (1071-1126) e máis tarde da súa neta a raíña Alienor de Aquitania.Protexen as artes e converten a súa corte en exemplo de refinamento para toda Europa.
    Cara a fins do s. XII na maior parte dos reinos de Occidente achamos escolas autóctonas que compoñen á moda provenzal adaptando os seus temas poéticos aos gustos locais e ás linguas propias.








    A aparición e o inicial desenvolvemento do lirismo galego-portugués están vinculados á hexemonía de Compostela.O período económico eclesiástico e as peregrinacións xacobeas son algúns dos factores que axudan a explicar esa eclosión.O movemento trobadoresco provenzal chegou a Galicia fundamentalmente a través do Camiño de Santiago.Acudían a Compostela en peregrinación numerosos nobres franceses,espallando as maneiras corteses, e con eles chegarían trobadores e xograres, que divulgarían as súas composicións e modos de trobar.Tamén os monxes de Cluny exerceron unha decisiva influencia espiritual e artística, contribuíndo á expansión do estilo románico e á difusión das ideas e fórmulas provenzais.








    Iníciase así o período primitivo da lírica galego-portuguesa, que comprende desde finais do s. XII ao primeiro terzo do s. XIII, etapa en que a nova arte se vai aclimatando á lingua e cultura do país e atopa protección nos mecenas nobres de ambas as beiras do Miño.