Instruccións (FAQs):

 

¿Que é Etnonet 2.0 - Enciclopedia Interactiva da Cultura Galega?
É un programa en contorno web mediante páxinas htm e html que ten como obxectivo fundamental que os nosos alumnos e alumnas descubran a gran diversidade cultural da Comunidade Autónoma na que viven: Galicia. 

A aplicación consta de 120 propostas  sobre a cultura de Galicia: Os símbolos identificativos de Galicia, as institucións,  a gastronomía, flora e fauna, historia, literatura, música,  novas iniciativas e tendencias,...

 

¿A quen vai dirixido?
Está deseñado para alumnos do terceiro ciclo de primaria e para todos os da ESO.

Podería tamén empregarse para etapas educativas posteriores (Bacharelato, Ciclos Formativos,...) como recurso dunha metodoloxía específica acorde coas súas idades.

 

¿Como se estructura a aplicación?
Etnonet 2.0 está estructurado en doce pantallas de 10 preguntas cada unha, con catro opcións de resposta, das cales só unha é correcta. 

En cada unha das doce pantallas hai dez propostas diferentes nas que se procurou que tocasen diferentes ámbitos culturais e con dificultade variable (dende propostas moi sinxelas a outras máis complexas) para que tódolos alumnos e alumnas poidan respostar algunha delas ao primeiro intento, atendendo así a aqueles alumnos con necesidades educativas especiais.

¿Como funciona?
Despois de ler detalladamente o apartado de "Instruccións", daremos comenzo á aplicación clicando no botón "Empezar Etnonet 2.0". Aparecerá unha pantalla con dez preguntas. Cada pregunta  amosa no lado dereito da ficha unha fotografía ou debuxo relacionada co tema de que trata, e á esquerda catro posibles respostas á pregunta formulada na parte superior en negriña.

Se prememos unha resposta incorrecta veremos un emoticón de tristura () e se acertamos aparecerá un emoticón de ledicia (). Os acertos e erros incidirán directamente na puntuación final de cada serie de 10 preguntas.

Podemos visualizar cada serie en dous modos:

  • Amosando as preguntas de unha en unha.
  • Amosando as 10 preguntas da serie á vez.

Como proposta suxírese a conveniencia de visualizar e contestar nun primeiro momento as preguntas de unha en unha e ao final da serie visualizar as dez preguntas coas súas respostas en conxunto.

Estes son os elementos fundamentais de cada pregunta:

¿Como traballamos coa aplicación en clase?

 

Podemos traballar esta aplicación dentro da área de "Coñecemento do Medio" en Primaria  (ou en Ciencias Sociais se estamos con alumnos da ESO). Os alumnos situaranse en parellas frente a cada ordenador. Moitas das preguntas non forman parte dos seus coñecementos (Etnonet 2.0 non é tanto unha aplicación para avaliar coñecementos como un recurso para a aprendizaxe), polo tanto en aquelas preguntas que non acerten no primeiro intento poderán navegar pola rede utilizando a ligazón que acompaña a fiestra adicional de erro clicando no botón , para que poidan indagar en parellas o problema plantexado e resolvelo con garantías de éxito co cal estamos asegurando unha profundización no tema plantexado e unha navegación segura pola rede. É importante que os alumnos lean a fiestra de información adicional que se amosará ó acertar a pregunta.  Unha vez resolta cada pantalla completamente co menor número de erros posibles, daranlle á opción "Amosar tódalas preguntas" e estudiarán cales eran as opcións correctas e onde erraron nas súas respostas. Seguidamente actualizarán a páxina e voltarán a respostalas (cada vez que actualicemos a pantalla barallaranse as dez preguntas de que consta así como as respostas de cada unha delas). Non se permitirá pasar á páxina seguinte ata ter un 100% de rendemento (é dicir, no apartado de "Preguntas acertadas correctamente á primeira vez" deberá ser 10/10). Os botóns de paso de páxinas atópanse na parte superior debaixo do logo "etnonet". Cando contestemos as dez preguntas na parte superior aparecerá un botón que nos permite "Actualizar" a páxina se non obtivemos a puntuación máxima de "10/10 (dez preguntas acertadas correctamente á primeira vez das dez posibles)".

A pesares de contestar correctamente a unha cuestión no primeiro intento, podemos profundizar e ampliar coñecementos sobre o tema clicando en cada unha das outras respostas e navegar así polas ligazóns que se lles proporciona. O feito clicar respostas incorrectas despóis de acertar a pregunta non afecta en absoluto a puntuación final.

Sinalar que nas dez preguntas de cada pantalla haberá cuestións o máis variadas posibles e nunca da mesma temática. Terán niveis de dificultade variable para atender tanto aos alumnos con necesidades educativas especiais, así como os que precisan actividades de ampliación.

 

Etnonet 2.0 en cifras

A aplicación foi deseñada para ofrecer o máximo atractivo co mínimo de peso. Conta con 285 imaxes e moita información pero tan só ocupa 5,23 Mb. Para elo procedeuse a un proceso de optimización de tódalas fotos que se incluiron en formatos gif ou jpeg. 

Conta con 120 cuestións culturais a indagar, con 120 pantallas de información adicional se acertamos cada unha das preguntas e un total de 360 páxinas web de diversos colectivos e institucións que nos permiten unha navegación segura e precisa pola rede. 

 

¿En que metodoloxía está baseada?

A pesares de que nun primeiro momento poida parecer que unha aplicación tipo test con preguntas e catro alternativas de resposta obecede a unha metodoloxía esencialmente conductista, na realidade non o é tanto pois o máis importante da utilidade é que os alumnos descubran as respostas utilizando internet a partires das ligazóns web que lles proporcionamos asegurando así unha navegación segura pola rede. Etnonet 2.0 estaría por tanto concebida a partires dunha metodoloxía baseada na Búsqueda ou Descubrimento e na Resolución de Problemas, tendo polo tanto un marcado carácter formativo. Intentei aproveitar as ventaxas de recursos informáticos educativos de gran acollida en todo o mundo como as WebQuests e as Cazas do Tesouro (Treasure Hunts)  pero a partires dunha concepción máis pechada por estar enfocado a alumnos de Primaria.

A aplicación está dividida en doce pantallas con dez preguntas cada unha. Preténdese realizar unha soa pantalla en cada sesión (o que supoñería contestar correctamente dez preguntas e navegar por trinta páxinas web), e realizar posteriormente unha posta en común con todo o aprendido na Unidade.

 

Testeo
Este programa foi aplicado xa en clase no último trimestre do curso anterior 2004/05 por alumnos de 4º de Primaria e no actual 2005/06 por alumnos do terceiro ciclo de primaria (5º e 6º curso) con resultados óptimos (no CEIP no que traballo: o CEIP O Piñeiriño en Vilagarcía de Arousa). O feito de poder comprobar o resultado de forma inmediata unido á abundancia de fotografías, fiestras de información adicional con ideas resumidas en breves frases e palabras clave en negriña, fan del un recurso motivador e de deseño atractivo para os niveis superiores de Educación Primaria. De momento non foi testado en ningún centro de Educación Secundaria Obrigatoria.

Comprobouse que funciona perfectamente tanto en Windows 98 como Windows XP a unha resolución de 1024X768 por ser a resolución máis empregada na actualidade nos centros educativos e para uso doméstico segundo as últimas enquisas, por ter pantallas de ordenador cada vez máis grandes. Funciona tamén sen problamas en ordenadores cunha resolución 800X600 pero aquí pode aparecer máis scroll vertical en pantallas que non o precisarían noutras resolucións. En ningún dos casos aparecerá scroll horizontal. Estes scrolls están coloreados a partires dunha rutina javascript coas cores básicas da aplicación.

En canto aos navegadores: a aplicación está testada con Internet Explorer 6.0 e posteriores (o navegador propietario máis utilizado) e con Mozilla Firefox 1.0.4 (o máis empregado entre os que prefiren programas de código aberto). O único problema que apreciamos neste último navegador foi que o scroll vertical non aparece coloreado como debería segundo as ordes do javascript.

En decembro de 2011 realizouse unha revisión e actualizáronse contidos de algunha das fichas e modificouse máis da metade das ligazóns web pois moitas xa non estaban operativas na rede.

 

¿Por que Etnonet 2.0?
Etnonet pretende ser un proxecto con continuidade, de aí o feito de asignarlle un número de versión (2.0). Na primeira entrega: "Etnonet 1.0"  tivo como obxectivo que os nenos e nenas dos nosos colexios descubran Galicia como unha realidade paisaxística e cultural singular. Recibiu un accésit na convocatoria dos Premios Siega 2004 na modalidade B: "Materiais e aplicacións educativas en contorno web". Tiven constancia por diversos correos electrónicos que se aplicou en diferentes centros educativos da nosa Comunidade con resultados moi satisfactorios. Se tedes algunha dúbida ou suxestión podedes mandar un correo a: antonvicente(arroba)edu.xunta.gal  .

O nome de Etnonet está formado a partires das verbas: Etnografía galega en internet.

 

 

Xosé Antón Vicente Rodríguez  (antonvicente@edu.xunta.gal)