O acordeón é un aerófono que está formado por dous teclados que coroan dúas caixas de lingüetas libres metálicas entre as cales se prega e estira un fol accionado manualmente. As lingüetas son postas en vibración ao presionar os botóns ou teclas. O instrumento é chamado diatónico cando se obteñen dous sons diferentes segundo se peche ou abra o fol, e cromático se os dous sons son idénticos. Coa man dereita tócase un teclado para interpretala melodía e coa esquerda uns botóns que adoitan facer o acompañamento.