Instruccións (FAQs):

 

¿Que é Etnonet 1.0 - Descubre Galicia?
É un programa en contorno web mediante páxinas htm e html que ten como obxectivo fundamental que os nosos alumnos e alumnas descubran a diversidade paisaxística e cultural da Comunidade Autónoma na que viven: Galicia. 

A aplicación amosa máis dun cento de destinos de interés en Galicia (non están todos os que son, pero si son todos os que están). 

 

¿A quen vai dirixido?
Está deseñado para alumnos do terceiro ciclo de primaria e para todos os da ESO, e presenta dous niveis: Básico e Avanzado:
  • Nivel Avanzado: Para o grupo-clase que siga as ensinanzas programadas con regularidade.
  • Nivel Básico: para os que precisen dunha atención individualizada por posuír necesidades educativas especiais.

Podería tamén empregarse para etapas educativas posteriores (bacharelato, ciclos formativos,...) como recurso dunha metodoloxía específica acorde coas súas idades.

 

¿Como se estructura a aplicación?
Etnonet 1.0 está estructurado en pantallas de 10 preguntas cada unha, con catro opcións de resposta, das cales só unha é correcta. 
  • O nivel Básico está formado por un total de 60 preguntas divididas en seis series (pantallas) de dez preguntas cada unha.
  • O nivel Avanzado está formado por un total de 100 preguntas divididas asemade en dez series (pantallas) de 10 preguntas cada unha.

 

¿Como funciona?
Cando entramos na aplicación os alumnos e alumnas deberán seleccionar o nivel que lles asignou o profesor (Básico ou Avanzado). Premendo na opción desexada aparecerá a primeira pantalla con dez preguntas. Cada pregunta  amosa no lado dereito da ficha unha fotografía dun lugar de interés en Galicia (polo seu valor paisaxístico, cultural, monumental,...) e á esquerda catro posibles respostas á pregunta formulada na parte superior en negriña.

Se prememos unha resposta incorrecta veremos un emoticón de tristura e se acertamos aparecerá un emoticón de ledicia. Os acertos e erros incidirán directamente na puntuación final de cada serie de 10 preguntas.

Podemos visualizar cada serie en dous modos:

  • Amosando as preguntas de unha en unha.
  • Amosando as 10 preguntas da serie á vez.

Como proposta suxírese a conveniencia de visualizar e contestar nun primeiro momento as preguntas de unha en unha e ao final da serie visualizar as dez preguntas coas súas respostas en conxunto.

  • No nivel Avanzado cando acertamos unha pregunta ademáis do emoticón de ledicia aparece unha nova fiestra cunha foto e información adicional do lugar de Galicia sobre o que versaba a pregunta. Esta información adicional fará referencia a costumes do lugar, tradicións, lendas, curiosidades, datos técnicos da obra,...
  • No nivel Básico só se pregunta sobre en cal das catro provincias galegas se atopa ese lugar ou monumento para o cal se indica previamente o concello obxecto da cuestión.

 

¿Como traballamos coa aplicación en clase?
Podemos traballar esta aplicación dentro da área de "Coñecemento do Medio" en Primaria  (ou en Ciencias Sociais se estamos con alumnos da ESO). Os alumnos situaranse en parellas frente a cada ordenador, seleccionarán o nivel que lles teña asignado previamente o profesor (avanzado ou básico para os que presenten necesidades educativas especiais) . A maioría das preguntas non forman parte dos seus coñecementos (Etnonet 1.0 non é tanto unha aplicación para avaliar coñecementos como un recurso para a aprendizaxe), polo tanto poñeremos á disposición dos alumnos atlas, libros de xeografía, enciclopedias, guias turísticas,... para que poidan indagar en parellas o problema plantexado e resolvelo con garantías de éxito (outra posibilidade é que esta información a obteñan dende internet usando algún dos buscadores máis frecuentes: Google, Yahoo, Msn, Ozú,...). É importante que os alumnos lean a fiestra de información adicional que se amosará ó acertar a pregunta.  Unha vez resolta cada pantalla completamente co menor número de erros posibles, daranlle á opción "Amosar tódalas preguntas" e estudiarán cales eran as opcións correctas e onde erraron nas súas respostas. Seguidamente actualizarán a páxina e voltarán a respostalas (cada vez que actualicemos a pantalla barallaranse as dez preguntas de que consta así como as respostas de cada unha delas). Non se permitirá pasar á páxina seguinte ata ter un 100% de rendemento. Os botóns de paso de páxinas atópanse na parte superior debaixo do logo "etnonet".

Sinalar que nas dez preguntas de cada pantalla haberá lugares das catro provincias galegas e non existe unha progresión en canto á dificultade dentro das seis (no nivel Básico) ou dez (nivel Avanzado) series de cada nivel.

 

Testeo
Este programa foi aplicado xa en clase no último trimestre do curso anterior 2003/04 por alumnos de 4º de Primaria e no actual 2004/05 por alumnos do terceiro ciclo de primaria (5º e 6º curso) con resultados óptimos (no CEIP no que traballo: o CEIP O Piñeiriño en Vilagarcía de Arousa). O feito de poder comprobar o resultado de forma inmediata unido á abundancia de fotografías, fiestras de información adicional con ideas resumidas en breves frases e palabras clave en negriña, fan del un recurso motivador e de deseño atractivo para os niveis superiores de Educación Primaria. De momento non foi testado en ningún centro de Educación Secundaria Obrigatoria.

Comprobouse que funciona perfectamente tanto en Windows 98 como Windows XP a unha resolución de 800X600. Só se atopou problemas nun equipo que non tiña instalado Macromedia Flash Player para visualizar a fiestra adicional que se abre ao acertar as preguntas no nivel Básico.

 

¿Por que Etnonet 1.0?
En Etnonet pretende ser un proxecto con continuidade, de ahí o feito de asignarlle un número de versión (1.0). Nesta primeira entrega tivo como obxectivo que os nenos e nenas dos nosos colexios descubran Galicia como unha realidade paisaxística e cultural singular. Co mesmo deseño de programa poderemos traballar outros aspectos nun futuro: un vocabulario temático, a literatura galega, costumes, ...

O nome de Etnonet está formado a partires das verbas: Etnografía galega en internet.

 

 

 

(c) Xosé Antón Vicente Rodríguez - CEIP O Piñeiriño