Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Aquí tedes algunhas recomendacións para un mellor aproveitamento deste REA.

Recursos materiais necesarios

Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:

  •  O caderno de aprendizaxe, en formato físico ou dixital.
  • Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información, visualizar imaxes e realizar as actividades propostas no REA.
  • Para o reto final, dependendo da opción escollida: material de papelería (pegamento, cartolina, rotuladores, pinturas etc.), un ordenador que permita a realización das actividades interactivas e a radio escolar no caso de optar por esa vía.
  • Non se require material específico ou especializado para a realización de ningunha das actividades e todos os medios deberían estar dispoñibles en calquera tipo de centro educativo.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Para as actividades relacionadas co reto final, o alumnado dividirase en pequenos grupos, no que cada alumna ou alumno encargarase dunha actividade específica.

Recoméndase unha repartición equilibrada, tanto en número como nas capacidades do propio alumnado, para evitar descompensacións á hora de realizar as actividades e da carga de traballo dentro do propio grupo.

Será o profesor ou profesora o encargado de distribuír o alumnado nos grupos.

Para a posta en común dos resultados das actividades, recoméndase facelo a través do grupo-clase, aínda que é posible facelo a través de grupos máis pequenos.

Produtos finais

Os produtos finais serán uns contidos informativos en diferente formato nos que o alumnado reflicta o tratamento dunha nova relacionada cos contidos estudados na unidade. Estes produtos informativos deberán estar redactados de xeito que amosen unha postura política que permita comprobar que o alumnado comprendeu as diferentes tendencias políticas do século XVIII e os principais fitos históricos, políticos e sociais do momento.

Enfoque multinivel do reto

O reto final concíbese desde un enfoque flexible e inclusivo, que permite ao alumnado escoller o xeito máis axeitado de difundir o seu traballo en función dos seus intereses, habilidades comunicativas e creativas. O obxectivo é que cada grupo decida o formato ou os formatos cos que se sinta máis cómodo para facer chegar a súa proposta á comunidade.

O alumnado pode optar por un ou varios dos seguintes sistemas de difusión:

  • Opción 1: Xornal en formato físico ou dixital
  • Opción 2: Un programa de radio
  • Opción 3: Un pódcast

Este enfoque favorece a participación de todo o alumnado, respecta diferentes formas de expresión e promove unha aprendizaxe significativa conectada coa realidade social e institucional do seu contorno.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)