Pensar, gobernar e crear: A Ilustración e o Século das Luces
Este REA (Recurso Educativo Aberto) está dirixido ao alumnado da materia de Xeografía e Historia de 3.º da ESO. O recurso aborda contidos relacionados co Antigo Réxime, a Ilustración, O Despotismo Ilustrado, o Rococó, a arte Neoclásica, o Romanticismo e a figura de Goya.
Co obxectivo de favorecer a adquisición das competencias clave, o REA estrutúrase arredor dun reto no que o alumnado deberá mobilizar e aplicar os coñecementos adquiridos ao longo das diferentes fases do recurso. A través dos textos, actividades interactivas e materiais descargables incluídos, o alumnado analizará as principais características do Antigo Réxime e os cambios que sufriu debido á Ilustración, ademais de analizar a arte como reflexo da sociedade e dos cambios políticos, sociais e económicos da época, facendo fincapé en Goya.
Como reto final, o profesorado proporá a elaboración dunha serie de produtos finais, empregando diferentes ferramentas e formatos creativos, que permitan ao alumnado analizar, comprender e comunicar ao resto da comunidade educativa os cambios políticos, económicos e sociais que se produciron no Antigo Réxime, grazas ás ideas dos ilustrados, ademais das principais características dos diferentes estilos artísticos da época.