Todas as persoas suman: construíndo un mundo diverso
Este REA (Recurso Educativo Aberto) está dirixido ao alumnado da materia de Xeografía e Historia de 3º da ESO. O recurso aborda contidos relacionados coas paisaxes humanizadas, os sectores produtivos, a poboación e o poboamento na Unión Europea, en España e en Galicia, así como aspectos vinculados á diversidade social, á multiculturalidade e á igualdade de xénero.
Co obxectivo de favorecer a adquisición das competencias clave, o REA estrutúrase arredor dun reto no que o alumnado deberá mobilizar e aplicar os coñecementos adquiridos ao longo das diferentes fases do recurso. A través dos textos, actividades interactivas e materiais descargables incluídos, o alumnado analizará os principais cambios económicos, demográficos e sociais do espazo europeo, español e galego, desenvolvendo unha comprensión crítica da realidade actual.
Como reto final, o profesorado proporá a elaboración dunha serie de produtos finais, empregando diferentes ferramentas e formatos creativos, que permitan ao alumnado analizar, comprender e comunicar ao resto da comunidade educativa o funcionamento da economía e a evolución demográfica e social da Unión Europea, de España e de Galicia. O coñecemento da contorna na que se vive contribúe a unha mellor adaptación a unha realidade multicultural e en constante cambio.