Do trigo á IA: a economía, o motor do mundo
Trátase dun REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado e desenvolvido co obxectivo de achegar ao alumnado de 3.º de ESO ao estudo das actividades económicas e dos distintos sectores de produción, analizando como se organizan e se relacionan no espazo xeográfico.
Mediante o uso de textos explicativos, imaxes e diversas actividades didácticas, o alumnado poderá ampliar os seus coñecementos sobre o sector primario, secundario e terciario, así como comprender a súa importancia no desenvolvemento económico das sociedades. Para favorecer a consolidación das aprendizaxes, proponse a realización dun reto final, no que o alumnado deberá elaborar de maneira colaborativa unha serie de informes relacionados coa xeografía económica, poñendo en práctica os coñecementos adquiridos sobre as actividades económicas e os sectores de produción.
A través deste traballo, o alumnado poderá entender mellor como se produce, transforma e distribúe a riqueza, identificar os principais recursos económicos e valorar o papel dos distintos sectores produtivos na vida cotiá. Ademais, facilitarase a comprensión das relacións entre economía, territorio e emprego, fomentando unha visión crítica e responsable da realidade económica.
Ao longo das 18 sesións de traballo nas que se desenvolverá este REA, o alumnado deberá ser quen de acadar as seguintes metas de aprendizaxe:
- Recoñecer e explicar as principais actividades económicas e os sectores de produción, identificando as súas características e funcións básicas no sistema económico.
- Relacionar as actividades económicas co medio físico e humano, analizando como factores como os recursos naturais, o clima ou a localización condicionan a produción.
- Comprender e describir as fases do proceso produtivo, desde a obtención das materias primas ata a distribución de bens e servizos.
- Interpretar e analizar información xeográfica e económica procedente de textos, imaxes, mapas, táboas e gráficos sinxelos, extraendo conclusións básicas.
- Valorar a importancia económica e social dos distintos sectores produtivos, recoñecendo a súa influencia no desenvolvemento económico e no emprego.
- Aplicar os coñecementos adquiridos na elaboración dun proxecto ou reto final, resolvendo tarefas prácticas relacionadas coa xeografía económica.
- Comunicar información económica de forma clara e organizada, utilizando vocabulario específico e traballando de maneira colaborativa e responsable.
- Usar adecuadamente as ferramentas informáticas para o tratamento da información.
- Traballar en grupo de xeito organizado e efectivo.
- Seleccionar e xerarquizar a información.