Amadou, da guerra á escola
Estamos ante un REA (Recuso Educativo Aberto) pensado e realizado para aproximar as alumnas e os alumnos de 3.º de ESO ao coñecemento da organización política das sociedades e do ordenamento normativo autonómico, constitucional e supranacional nun contexto de globalización, movementos migratorios e interculturalidade.
A través dos textos, imaxes e as actividades propostas, o alumnado poderá incrementar os seus coñecementos sobre a temática antes mencionada. Para que os alumnos e alumnas poidan consolidar o aprendido proponse a realización dun reto (unha guía de acollida a dous compañeiros refuxiados). A través deste proxecto o alumnado poderá comprender mellor como funciona o mundo globalizado. Coñecer as causas e consecuencias das migracións e da interculturalidade así como o papel que desenvolven a ONU e a UE na defensa dos dereitos humanos e na acollida das persoas refuxiadas. Por último, familiarizarse coa organización política e territorial de España .
Ao longo das 17 sesións de traballo nas que se desenvolverá este REA o alumnado deberá ser quen de acadar as seguintes metas de aprendizaxe:
- Que é a globalización, as súas causas e consecuencias.
- A diferenza entre multicuturalidade e interculturalidade.
- As características, causas e efectos dos movementos migratorios.
- Que son os estados, os seus tipos e funcións.
- Que son e como funcionan a ONU e a UE.
- As características básicas da estrutura institucional de España e da súa organización territorial.
- Adoptar unha posición crítica fronte a postulados belicistas, xenófobos ou discriminatorios.
- Usar adecuadamente as ferramentas informáticas para o tratamento da información.
- Traballar en grupo de xeito organizado e efectivo.
- Seleccionar e xerarquizar a información.
- Expoñer de maneira pública e clara o resultado do seu traballo.