Orientacións e recomendacións de uso
Aquí tedes algunhas recomendacións para un mellor aproveitamento deste REA.
Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito a proposta didáctica son:
- O caderno de aprendizaxe, en formato físico ou dixital.
- Un dispositivo electrónico onde poder utilizar aplicacións de ofimática para buscar información, visualizar imaxes e realizar as actividades propostas no REA.
- Para o reto final, dependendo da opción escollida: material de papelería (pegamento, cartolina, rotuladores, pinturas etc.), un ordenador que permita a realización das actividades interactivas e o impreso oficial do voso concello para presentar a vosa proposta por rexistro.
Non se require material específico ou especializado para a realización de ningunha das actividades e todos os medios deberían estar dispoñibles en calquera tipo de centro educativo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Para as actividades relacionadas co reto final, o alumnado dividirase en pequenos grupos, no que cada alumna ou alumno encargarase dunha actividade específica.
Recoméndase unha repartición equilibrada, tanto en número como nas capacidades do propio alumnado, para evitar descompensacións á hora de realizar as actividades e da carga de traballo dentro do propio grupo.
Será o profesor ou profesora o encargado de distribuír o alumnado nos grupos.
Para a posta en común dos resultados das actividades, recoméndase facelo a través do grupo-clase, aínda que é posible facelo a través de grupos máis pequenos.
Para a difusión do Bando Municipal, recoméndase que o profesorado contacte cos Servizos de Educación do concello correspondente para solicitar a súa colaboración. No caso de existir unha alcaldesa ou un alcalde pedáneo, tamén se pode establecer contacto con esta figura institucional.
O primeiro achegamento institucional pode realizalo directamente o profesorado responsable da actividade. Así mesmo, resulta conveniente promover a difusión do traballo nas parroquias, para o que se recomenda contactar coas asociacións veciñais ou cos centros culturais da contorna.
Produtos finais
O obxectivo da actividade é que cada grupo reflexione sobre cal é o principal desafío medioambiental do seu concello (lumes, asolagamentos, contaminación etc.). Este proceso debe realizarse de maneira colectiva e estruturarse en varias fases, favorecendo o diálogo, a análise compartida e a toma de decisións consensuada.
Unha vez identificada a problemática local, o alumnado elaborará un texto no que recolla propostas realistas e fundamentadas orientadas a evitar que o problema se reproduza no futuro ou, no seu defecto, a minimizar os seus efectos. Este traballo permitirá aplicar os coñecementos adquiridos a unha situación real da contorna próxima.
O produto final do REA consistirá na elaboración dun bando municipal. Este poderá ser presentado ou lido á veciñanza coa posibilidade de entregar unha copia no rexistro do Concello. Deste xeito, darase visibilidade ao traballo realizado e fomentarase a participación cidadá e a conciencia ambiental.
Enfoque multinivel do reto
O reto final concíbese desde un enfoque flexible e inclusivo, que permite ao alumnado escoller o xeito máis axeitado de difundir o seu traballo en función dos seus intereses, habilidades comunicativas e creativas. O obxectivo é que cada grupo decida o formato ou os formatos cos que se sinta máis cómodo para facer chegar a súa proposta á comunidade.
O alumnado pode optar por un ou varios dos seguintes sistemas de difusión:
- Opción 1: Expoñer os murais no centro educativo, emitir os vídeos elaborados ou ler os bandos reivindicativos nas radios escolares ou polas aulas, dirixíndose ao alumnado de 1º, 2º ou 4º da ESO.
- Opción 2: Difundir o traballo a través das redes sociais ou da páxina web do instituto.
- Opción 3: Visitar o concello e entregar a proposta por rexistro oficial, solicitando e cubrindo o impreso correspondente. Así mesmo, pódense presentar as suxestións ou queixas ante a Xunta de Galicia.
Este enfoque favorece a participación de todo o alumnado, respecta diferentes formas de expresión e promove unha aprendizaxe significativa conectada coa realidade social e institucional do seu contorno.