Saltar navegación

3. Guía de uso

A banda sonora da túa vida

O REA "A banda sonora da túa" vida ten un enfoque eminentemente práctico e significativo, partindo da escoita activa e da experiencia persoal do alumnado para comprender a evolución da música popular urbana.

Trátase dun recurso interdisciplinar que integra escoita, análise musical, investigación, creación sonora e comunicación oral. Tense en conta a música como elemento identitario e xeracional para explorar como cambian os gustos musicais ao longo do tempo e como estes están ligados ao contexto social e cultural.

Ao longo das fases, combínanse momentos de aprendizaxe guiada con espazos de autonomía individual e grupal, favorecendo a participación de todo o alumnado segundo os seus intereses e capacidades.

O núcleo dos contidos céntrase na evolución da música popular urbana, desde os seus antecedentes (blues, jazz, gospel) ata estilos máis actuais como o rock, pop ou hip-hop, así como nos cambios nos instrumentos, nas agrupacións musicais e nos sistemas de gravación e reprodución de son. 

O REA presenta cinco fases diferenciadas:

Na fase 1 "A banda sonora dos demais" exponse o reto, que busca motivar ao alumnado para investigar que música escoitaban persoas de diferentes xeracións do seu contorno e comprender como a música forma parte da súa identidade persoal e familiar.

Na fase 2 "Sae da túa burbulla" revísanse e refórzanse contidos como a relación entre a música e as emocións, acordes maiores e menores ou as partes dun programa de radio.  os instrumentos, as agrupacións musicais e os elementos da linguaxe musical, ao tempo que se introducen as primeiras reflexións sobre os gustos musicais e a súa evolución.

Na fase 3 "A playlist do teu día" o alumnado afonda na clasificación dos instrumentos, as agrupacións musicais e na evolución da música popular urbana, coñecendo os principais estilos, artistas e contextos históricos, así como os avances tecnolóxicos na gravación e reprodución musical. Nesta fase tamén avanzan cara ao reto, elaborando a súa propia sintonía e a cuña publicitaria para o pódcast. 

Na fase 4 "Arranca a gravación" o alumnado aplica os coñecementos adquiridos mediante a creación dun pódcast no que seleccionan, analizan e comparan músicas de distintas xeracións, organizando a información e construíndo un discurso propio.

Na fase 5 "Publica o teu pódcast" realízase a gravación e edición final, permitindo sintetizar as aprendizaxes realizadas, desenvolver a competencia comunicativa e valorar a diversidade musical como parte do patrimonio cultural. 

Ao longo de todas as fases, o alumnado ten un momento para realizar o proceso de metacognición, no que reflexiona sobre o aprendido coa axuda do Diario de aprendizaxe. A metacognición, fundamental para a consolidación do aprendido, está reforzada na última fase, cun proceso a de autoavaliación e coavaliación, para o que se conta cunha lista de cotexo e unha rúbrica, respectivamente. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)