A banda sonora da túa vida
Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado as tendencias musicais das últimas décadas, a evolución das agrupacións instrumentais e os sistemas de gravación contextualizados na creación dun proxecto radiofónico, na materia de Música de 2.º de Educación Secundaria Obrigatoria. O obxectivo é promover un pensamento crítico e creativo mediante o estudo dos timbres dos instrumentos e a súa relación coas emocións, para que o alumnado sexa quen de deseñar, compoñer e producir contido sonoro dixital.
Nesta situación de aprendizaxe, "A banda sonora da túa vida", o alumnado comeza na fase "A banda sonora dos demais" cunha sesión de motivación e introdución ao reto a través dun conto como fío condutor que os achegará á música dunha xeración. Posteriormente, presentarase o reto que consistirá, traballando en equipo de forma coordinada e consensuada, en elaborar e difundir o seu propio pódcast ou programa de radio.
Na etapa "Sae da túa burbulla", o alumnado buscará a relación directa entre a música e a emoción, analizará polo miúdo as partes que compoñen un pódcast e activará os coñecementos previos sobre a estrutura dunha canción e o traballo de composición. Logo, na extensa fase "A playlist do teu día", coñecerán os tipos de instrumentos, as súas familias, e a evolución da orquestra e da música popular urbana xunto cos sistemas de gravación. Ademais, explorarán a relación entre a música e o cine, e aprenderán os pasos para gravar audio, rematando coa creación da sintonía de inicio do seu pódcast e un jingle para un anuncio publicitario.
O reto prosegue en "Arranca a gravación", onde o alumnado aplicará todos os coñecementos adquiridos para proceder á elaboración do produto final, que consiste na creación do guión e na gravación do seu pódcast ou programa de radio. Finalmente, en "Publica o teu pódcast", levarán a cabo a publicación e difusión do programa creado para compartir o traballo co resto da comunidade.
Ao longo deste proceso traballaranse os timbres, a composición, a historia musical contemporánea e as fases completas de produción radiofónica. Ademais, reflexionarán sobre o impacto emocional da música no seu día a día, á vez que adquiren coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para traballar en equipo e distribuír tarefas de forma coordinada.
A finalidade é achegar o contido musical ao alumnado de Galicia para dotalos de ferramentas de autoexpresión e posuír unha comprensión máis profunda das tecnoloxías do son e da súa propia contorna cultural e emocional.
As metas de aprendizaxe son:
- Coñecer as tendencias musicais das últimas décadas.
- Diferenciar os timbres dos instrumentos musicais e analizar a súa relación coas emocións.
- Crear a sintonía de inicio dun pódcast e un jingle para un anuncio publicitario.
- Coñecer as fases da creación, gravación e difusión dun programa de radio ou pódcast.
- Elaborar o teu propio pódcast ou programa de radio.
- Traballar en equipo e distribuír tarefas de forma coordinada e consensuada.