Saltar navegación

3. Guía de uso

Unha viaxe polo mundo: creando un conto musical intercultural

O REA Unha viaxe polo mundo: creando un conto musical intercultural proponse para ser desenvolto dunha forma eminentemente práctica, as clases de música parten do corpo como un instrumento co que interiorizamos os distintos parámetros da linguaxe musical, creamos e comunicámonos. Esta aprendizaxe amplifícase co uso das TIC, coas que traballaremos a escoita activa e o desenvolvemento do oído interno. Este recurso é un proxecto creativo e interdisciplinar que integra escoita, interpretación, creación, movemento, reflexión e traballo cooperativo. Parte da música como linguaxe universal para explorar culturas, expresar ideas e contar historias. Ao longo das fases, combínanse momentos de exploración guiada con espazos de decisión autónoma e favorece a participación de todo o alumnado segundo as súas capacidades e intereses.

O REA presenta cinco fases diferenciadas:

  1. Na fase 1 "Había unha vez" exponse o reto, que busca motivar ao alumnado para que valore a riqueza cultural en todos os continentes e como, a través desta riqueza, pode crear un novo artefacto cultural -neste caso un conto multicultural- para expoñer diante da súa comunidade educativa ou ante persoas alleas.
  2. Na fase 2 "A historia comezaba..."  por unha parte revísase e refórzase o coñecemento do alumnado sobre algúns elementos que xa se estudaron previamente e que van aparecer ao longo do REA como son os instrumentos musicais, a voz humana, os tipos de agrupamentos e, finalmente, unha proposta dunha canción tradicional española completa, para xa poder situar ao alumnado no centro da súa aprendizaxe facéndolle protagonista do que está aprendendo, así como comezar a usar a voz, o movemento e a percusión corporal.
  3. Na fase 3 "Viaxando polo mundo" o alumnado achegarase aos cinco continentes e, mentres o fai, non só aprenderá características básicas da música e da danza destes lugares, se non seguirán repasando a linguaxe musical e aprendendo conceptos novos, como a base da harmonía ou a forma musical. Todos estes contidos abórdanse a través de actividades interactivas e tamén de interpretación e creación. Nesta fase propóñense dúas pezas musicais para cada continente, aínda que por cuestións temporais só se pode traballar unha. En calquera caso déixase a opción de que se poida escoller a outra canción ou que sirva para ampliar o traballado. Todas as propostas buscan que, a través delas, se traballe o oído interno, a voz, a técnica dos instrumentos escolares, a percusión corporal e o movemento. Ademais, sempre se remata deixando ao alumnado que traballe en pequeno grupo, de forma que fagan as súas propias creacións guiadas coas que desenvolvan a súa creatividade, ademais de ter que chegar a acordos e escoitarse os uns aos outros.
  4. Na fase 4 "De Galicia a Tombuctú" os estudantes aplican os coñecementos adquiridos ao longo do REA mediante a creación do conto musical. Teñen que decidir unha narrativa e que pezas musicais (e con que versións das traballadas) van expoñer o seu conto, que ao final será o fío condutor dun concerto multicultural no que os asistentes tamén poderán achegarse aos cinco continentes. 
  5. Na fase 5 "E Colorín, colorado..." este conto musical será exposto nunha actuación musical que permitirá sintetizar e organizar todo o traballado nas semanas previas, facilitando a comprensión e consolidación da aprendizaxe.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)