Ruído en acción
No REA "Ruído en acción" faise unha aproximación inicial aos parámetros do son, os elementos melódicos e rítmicos e a improvisación e composición. Este REA está destinado ao curso de 2.º da ESO.
O fío condutor deste recurso é a contaminación acústica no centro educativo, centrándose principalmente nos ruídos producidos nun centro educativo.
O REA presenta as seguintes fases:
- Descrición: "Paisaxe sonora".
- Exploración: "Lixo para os ouvidos".
- Conexión: "Mans ao son".
- O reto final: "A traca final".
- Conclusión: "Que soen os relampos".
Na fase 1 é onde se describe o reto a acadar, a creación dunha actuación relampo para concienciar sobre a problemática da contaminación acústica. Tamén se crean os equipos de traballo.
Na fase 2 relaciónase o contido do recurso con ideas previas do alumnado, analizando o silencio, ruído e ton e reflexionando sobre a importancia da escoita activa.
Na fase 3 introdúcense os novos contidos sobre parámetros do son, elementos rítmicos e melódicos e a composición e improvisación na música. Inclúense actividades para desenvolver tanto de xeito individual como grupal.
Na fase 4 recompílase todo o aprendido para preparar a actuación relampo. Realízase, tamén, a elaboración dun pequeno discurso para abrir conciencias sobre a problemática e confeccionan unha posta en escena.
Na fase 5 ponse en práctica o aprendido compartíndoo co resto da clase e da comunidade educativa.
En todos os apartados deste REA pártese dun contexto próximo ao alumnado como é a contaminación acústica no centro e vincúlase este cos contidos e cos exercicios propostos. Trátase de que o alumnado comprenda que a música está presente en todos os ámbitos da súa vida cotiá e que non é só unha disciplina afastada dos seus intereses.
Nesta proposta didáctica dáselle unha importancia central ao traballo colaborativo e cooperativo, pois considérase que a interpretación e a creación colectiva son actividades prácticas imprescindibles na aprendizaxe da música. Este enfoque non só motiva o alumnado, senón que fomenta a creatividade, a autonomía e a expresión das emocións a través da experiencia compartida no escenario.
Tamén se inclúen actividades para desenvolver habilidades de investigación e para a reflexión, tratando de fomentar o pensamento crítico no alumnado.
Nalgunhas actividades propostas e no reto do REA pódense atopar actividades multinivel, que permiten que os contidos estean ao alcance de todo o alumnado.