Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.

Recursos materiais necesarios

Os recursos materiais que serán necesarios para a realización do REA serán os seguintes:

  • Papel pautado e lapis: para a transcrición de patróns rítmicos e a composición de pezas pezas rítmicas.
  • Follas en branco e lapis de cores: para realizar unha representación gráfica da paisaxe sonora.
  • Software ou aplicación de música: para reproducir e gravar o solo de Chet Baker.
  • Libre Office Writer: para a elaboración de actividades de redacción.
  • Materiais reciclados: botellas de vidro baleiras para crear un botellófono.
  • Obxectos cotiáns do centro: para analizar o seu timbre e interpretar a composición que se interpretará na actuación relampo. 
  • Partituras impresas: xunto con instrumentos musicais básicos para interpretar a música da partitura.
  • Instrumentos musicais de láminas Orff: para a interpretación do "Blues do Ruído".

Estes recursos materiais proporcionarán ao alumnado de 2.º de ESO as ferramentas necesarias para explorar e expresar a súa creatividade musical, así como para comprender os conceptos e habilidades traballados neste REA. 

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Considerando a natureza colaborativa das actividades propostas neste REA, suxerimos diferentes estratexias de agrupamento para promover a participación activa e o traballo en conxunto do alumnado. Algúns dos métodos propostos inclúen:

  • Grupos heteroxéneos: formación de grupos que reúnan alumnado con diferentes niveis de habilidades e coñecementos, proporcionando oportunidades de aprendizaxe entre compañeiros e compañeiras e estimulando a colaboración.
  • Grupos de interese: agrupamento dos alumnos e alumnas en base aos seus intereses comúns relacionados coa música tradicional, incentivando a participación activa e a motivación intrínseca.
  • Parellas de aprendizaxe: traballo en parella, onde o alumnado pode compartir ideas, resolver problemas e apoiarse mutuamente no desenvolvemento das actividades, promovendo a responsabilidade compartida e a construción de relacións.
  • Equipos rotativos: organización dos estudantes en equipos que alternan as súas composicións ao longo das actividades, permitindo que todos os alumnos traballen en diferentes grupos e amplíen as súas habilidades de colaboración e comunicación.

Ao seleccionar a modalidade de agrupamento máis axeitada para cada actividade, o profesorado pode proporcionar un ambiente inclusivo e estimulante, onde todos os alumnos e as alumnas teñan a oportunidade de contribuír e aprender uns dos outros.

Ao longo do REA propóñense actividades grupais, algunhas delas propoñendo estruturas de traballo cooperativo concretas. Non obstante, a persoa docente é libre de seleccionar outras estruturas cooperativas nas que o alumnado teña máis experiencia ou preferencia.

Neste recurso a elaboración do produto final é colectiva. A elaboración deste produto final require do emprego dun amplo repertorio de habilidades tanto cognitivas como expresivas, polo que a tarefa supón un enorme reto para realizarse de forma individual. Con todo, queda ao xuízo do docente realizar outro tipo de agrupamento que permita garantir que o alumnado aplique o que aprendeu.

Produtos finais

O produto final consiste na realización dunha actuación relampo na biblioteca ou en calquera outro espazo do centro.

A actuación relampo constará de dúas partes:

  • En primeiro lugar, a posta en escena dunha peza de composición propia interpretada por obxectos non musicais e botellófono.
  • En segundo lugar, realizarase a lectura dun discurso concienciando o alumando sobre a contaminación acústica seguida dun slogan para dar énfase á mensaxe.

O produto final exponse de forma grupal, xa que favorece a representación no espazo da propia produción artística e a retroalimentación dos seus compañeiros e compañeiras.

Enfoque multinivel do reto

O reto parte dun enfoque multinivel no que o alumnado pode aplicar os contidos traballados en función das súas necesidades individuais.

Ao longo das diferentes fases expóñense contidos e actividades nas que o alumnado debe crear e realizar prácticas musicais.

Para a resolución do reto o mínimo establecido consiste en:

  • Creación dunha peza que debe ter un mínimo de 2 partes con 4 compases cada unha.
  • Interpretación cun mínimo de 4 obxectos, ademais do botellófono.
  • Selección dun espazo do centro e creación dunha posta en escena adaptada a el.
  • Creación e exposición dun discurso de 5 liñas como mínimo que debe rematar cun slogan no que se conciencie sobre a contaminación acústica no centro.

Estes mínimos constitúen o nivel básico de avaliación. Non obstante, en coherencia co enfoque inclusivo da proposta, o alumnado poderá ampliar e enriquecer estes requisitos en función das súas capacidades, motivación e potencialidades individuais.

Do mesmo xeito, as diferentes fases inclúen algunhas actividades individuais multiniveladas, nas que o alumnado pode escoller aquela coa que se sinte máis confortable ou que se adapte máis ás súas capacidades ou intereses.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)