Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

A metodoloxía do Recurso Educativo Aberto (REA) "Ruído en acción", que aborda os parámetros do son, os elementos rítmicos e melódicos e a improvisación na música e na danza a través da contaminación acústica, está deseñada para proporcionar unha aprendizaxe significativa, experimental e inclusiva. Baixo o marco do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), búscase que o alumnado experimente a música e a danza de forma directa, eliminando barreiras e garantindo que todos os estudantes poidan desenvolver a súa sensibilidade artística e o seu pensamento crítico a través de situacións de aprendizaxe vinculadas á realidade creativa, mediante a realización de actividades secuenciadas e orientadas á consecución dun reto final.

Vivencia e práctica musical: o recurso enténdese como un proceso dinámico de interpretación, creación e escoita activa. A asimilación dos contidos parte sempre da experiencia práctica do alumnado a través do contexto da contaminación acústica no centro para, posteriormente, realizar a formalización teórica. Este enfoque de aprendizaxe permite que o coñecemento se adquira de forma acumulativa, onde os conceptos previos serven de base para construír novos saberes de maneira continua. Así, preténdese que a música sexa unha ferramenta para comprender a contorna cultural, conectando conceptos abstractos con fenómenos sonoros cotiáns.

Métodos pedagóxicos e interrelación de saberes: interrelaciónanse diferentes unidades didácticas para evitar unha secuencia ríxida. Neste caso, esta flexibilidade permite, por exemplo, combinar o uso da tecnoloxía musical coa improvisación e a música popular urbana. A situación de aprendizaxe deseñada conecta os novos coñecementos cos previos mediante unha secuencia de actividades que inclúen fases de introdución, motivación, desenvolvemento e consolidación. Ademais, promóvese a interdisciplinaridade, vinculando a música coas Matemáticas, mediante a busca do patrón nas escalas ou coas Linguas, grazas a elaboración dun discurso de concienciación, entre outras materias.

Traballo colaborativo e dimensión social: foméntase a natureza grupal da materia mediante o deseño de tarefas e o desenvolvemento do reto en equipo. Esta interacción entre iguais é fundamental na interpretación, onde o traballo en equipo reforza valores como a responsabilidade, a autonomía e a autoestima. Así, a música preséntase, neste recurso, como unha construción social e colectiva, fomentando a equidade e permitindo que cada alumno e alumna atope o seu lugar dentro do conxunto.

Aplicación do DUA e integración tecnolóxica: este recurso concreta a atención á diversidade a través do uso consciente das tecnoloxías dixitais para a recepción, edición e creación musical, ofrecendo múltiples formas de representación e expresión. O uso de ferramentas dixitais e recursos híbridos permite que o alumnado demostre os seus logros a través de diversos formatos, garantindo unha avaliación flexible e personalizada que potencie a autonomía e a motivación constante.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)