Saltar navegación

1. Descrición xeral

Ruído en acción

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado co fin de achegar ao alumnado os parámetros do son, os elementos rítmicos e melódicos e a improvisación contextualizados na contaminación acústica no centro educativo, na materia de Música de 2.º de Educación Secundaria Obrigatoria. O obxectivo é promover un pensamento crítico e analítico mediante o estudo da natureza e organización do son, para que o alumnado sexa quen de diferenciar entre ambientes sonoros saudables e contaminación acústica empregando a escoita activa.

Nesta situación de aprendizaxe, "Ruído en acción", o alumnado comeza visualizando diferentes producións musicais realizadas con instrumentos non musicais. Posteriormente, presentarase o reto que consistirá, traballando en equipo, en crear unha actuación relampo co obxectivo de concienciar sobre o prexudicial que é  contaminación sonora. 

Na etapa "Lixo para os ouvidos", o alumnado traballará conceptos de cursos anteriores como o ton, ruído e silencio, ademais de practicar a escoita activa. Logo, en "Mans ao son", coñecerán os diferentes parámetros do son a través de ruídos cotiáns no centro, descubrirán os elementos rítmicos e melódicos mediante a tecnoloxía e crearán as súas propias composicións.

O reto finaliza en "A traca final", onde o alumnado aplicará os coñecementos adquiridos para proceder a elaborar o seu produto final que consiste na elaboración dunha actuación relampo sobre a contaminación acústica. Finalmente en "Que soen os relampos" realizarán unha posta en escena ao resto do alumnado para expoñer o traballo realizado.

Ao longo deste proceso traballaranse o ruído, a música, o silencio, a duración, a altura e a improvisación libre e guiada. Ademais, reflexionarán sobre o impacto da contaminación acústica no día a día, á vez que adquiren coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para introducirse na metodoloxía musical.

A finalidade é achegar o contido musical ao alumnado de Galicia para afrontar os problemas da sociedade actual e posuír unha comprensión máis profunda do seu contorno.

As metas de aprendizaxe son: 

  • Distinguir e analizar os parámetros do son.
  • Identificar os principais elementos rítmicos e melódicos que conforman a música.
  • Utilizar distintas técnicas de improvisación, desde a libre ata a través de directrices establecidas en certos tipos de música.
  • Afondar no concepto de contaminación acústica e as súas consecuencias.
  • Traballar en equipo e distribuír tarefas de forma coordinada e consensuada.
  • Coñecer as fases para a creación e posta en escena dunha actuación musical. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)