Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Motivación para a abordaxe do REA

Nesta situación de aprendizaxe búscase que o alumnado perciba a xeometría como unha ferramenta útil a través da simulación do traballo nunha empresa á que lle chegan encargos de problemas reais.

Para aumentar a motivación, creouse un modelo de informe que se emprega en cada problema, e tamén no reto, moi similar aos que se usan na realidade.

Ademais, os problemas que chegan á empresa ficticia na que traballan, buscan conectar cos intereses do alumnado.

Por outra banda, os problemas que aparecen con pestanas ("Mensajes en papel para tiempos de IA", "La caja de galletas", "El dispensador de bebidas", "Dulce Navidad", "Copas truncadas") teñen unha estrutura específica común:

  • Na primeira pestana hai unha imaxe ou un vídeo que busca espertar a curiosidade e mesmo faga innecesario o enunciado do problema.
  • Na segunda están os datos necesarios para resolvelo.
  • Na terceira amósase o que sucede na realidade, para que poidan comparalo cos resultados acadados.

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

Algunhas actividades poden precisar materiais específicos que xa se indican na súa descrición.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.

Actividades en equipo

Formación de equipos 

Recoméndase grupos pequenos de tres ou catro persoas, preferiblemente heteroxéneos e que se manteñan ao longo de todo o REA.
Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.

Fichas de traballo

Para algunhas das actividades grupais hai fichas de apoio para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.

Roles 
Nas fichas de traballo grupal aparecen os seguintes roles:

Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, verificando que se entenderon. Media nos conflitos do equipo. Le o enunciado e a información relevante de cada apartado ao resto das persoas do equipo.

Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que estean todas as actividades feitas e da súa entrega en tempo e forma.

Responsable do material: encárgase de ter todo o material. Debe asegurarse de que cando vaia empezar a tarefa todo estea en orde para non perder tempo. Fomenta a participación das demais persoas do equipo.

Axudante: axuda no que faga falta. Se son equipos de catro persoas exerce de portavoz, e se son de tres, esta función pode facela a persoa coordinadora.

Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente haxa na aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.

Os roles irán rotando a medida que se cambie de actividade.

Actividades individuais multinivel

O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.

Preséntanse con botóns de opcións: Opción A, Opción B, Opción C.

O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.

Avaliación

O REA dispón, na fase 4, dunha rúbrica para avaliar o reto.

Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.

Todas elas deben ser coñecidas polo alumnado, e aplicadas, tanto por este como polo profesorado.

Produto final

O produto final é deseñar en grupo dous recipientes troncais e semellantes.

Os documentos que se deben entregar serán un "informe técnico" cos deseños feitos e un prototipo en cartolina. Tamén deberán presentalo perante a clase.

Acadar este reto en grupo implica, ademais de traballar os contidos do REA, traballar a competencia matemática, a competencia dixital, a competencia en comunicación lingüística e o sentido socioafectivo.

No REA, facilítase unha ficha de traballo para a elaboración do deseño, un modelo de informe de traballo, e un exemplo.

Enfoque multinivel del reto

Na elaboración do produto final (deseño e fabricación de dous recipientes) ofrécense tres opcións de diferente nivel de complexidade, o que permite axustar a dificultade do reto.

No nivel básico, elíxense libremente todas as medidas, no medio, cómpre aplicar a proporcionalidade para crear dous recipientes semellantes, e no mais complexo, a xeometría debe axustarse para acadar unha capacidade exacta.

Neste, e noutros casos, a supervisión docente promoverá que cada grupo elabore un obxecto no que desenvolva o seu potencial.

Así mesmo, a elaboración dos obxectos permite traballar a creatividade e orixinalidade, permitindo ao alumnado implicarse emocionalmente co seu traballo.

Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo, pois garante a aprendizaxe entre iguais e o apoio mutuo, permitindo que todo o alumnado poida contribuír de maneira activa ao desenvolvemento da proposta.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)