Orientacións e recomendacións de uso
Motivación para a abordaxe do REA
Nesta situación de aprendizaxe proponse ao alumnado converterse en persoal de investigación estatística a través dun reto real: o estudo da lonxevidade en diferentes comarcas galegas co gallo da catalogación como zonas azuis.
A unidade xira arredor dun estudo sobre a lonxevidade nas diferentes comarcas galegas, ofrecendo un percorrido contextualizado por diferentes zonas e situacións relacionadas coas zonas azuis.
Este camiño, que comeza na fase 1, motiva ao alumnado a observar a súa contorna con ollos matemáticos, integrando contidos estatísticos e socioafectivos, relacionados coas variables aleatorias e as súas gráficas e medidas.
Para apoiar esta experiencia, o recurso inclúe múltiples imaxes ilustrativas, materiais descargables e fichas e follas de cálculo en formato editable que serven como apoio visual, manipulativo e dinámico para facilitar a comprensión dos conceptos matemáticos traballados, conectándoos co contexto real no que se aplican.
Actividades como El Índice Azul de tus comarcas ou Midiendo la longevidad, convidan ao alumnado a reflexionar sobre a importancia das persoas maiores na súa contorna, así como nos hábitos e factores que poden alongar a vida.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver a maior parte das actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar follas de cálculo, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como as follas de cálculo, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións. Salvo algunha actividade tipo "xogo", nas que se fai referencia expresa, ao separador decimal é a coma.
Respecto das iconas que preceden aos títulos, estas seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo) pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning, só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2. desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Actividades en equipo
Estas son algunhas ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor en equipos pequenos).
- É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade, poden ser homoxéneos.
- Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para algunhas actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
- Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
- Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
- Voceiro/a: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo. Se o equipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.
Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel. Nomeadamente, 2.3. Mens sana in corpore sano e 3.9. Okinawa gallego.
Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.
O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha listaxe de cotexo do proceso de elaboración do estudo estatístico na que se marcan as diferentes partes que se van completando. Serve para que o alumnado identifique se se fixeron ou non as actividades relacionadas coa composición do informe do estudo de lonxevidade en Galicia.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o reto, outra para o traballo en equipo e outra para a exposición oral nas fases 4 e 5.
Todas elas poden empregarse tanto para a avaliación como para a autoavaliación dos equipos.
Produtos finais
O reto consiste en elaborar un estudo estatístico sobre a lonxevidade en Galicia, a partir dos coñecementos e datos obtidos durante a unidade. Para acadalo, o alumnado desenvolve unha serie de actividades grupais previas que serven como base e apoio directo para redactar cada apartado do informe final.
Son as seguintes:
- Datos de lonxevidade en Galicia / Sección 2.2. Claves para vivir más
- El Índice Azul de tus comarcas / Sección 2.4. IA: Índice Azul
- Midiendo la longevidad / Sección 3.4. La edad es solo un dato.
O alumnado elixe e identifica 3 comarcas dentro dunha mesma provincia e os concellos que as compoñen, recollendo os datos precisos sobre franxas de idade, xénero e variables relacionadas coa lonxevidade no IGE e noutras fontes oficiais (1) e elabora as táboas de frecuencia e gráficas máis axeitadas para cada variable aleatoria (2).
Logo, analiza tódalas variables (3).
Finalmente, o grupo redacta o informe estatístico, empregando a ficha modelo, e expón os resultados ante o resto da clase.
Enfoque multinivel do reto
O reto é doado de acadar, dado o carácter aberto da proposta de estudo estatístico con datos oficiais de comarcas da súa escolla.
A gradación virá determinada pola elección dos concellos das comarcas e pola complexidade das variables aleatorias escollidas para complementar o estudo (a maiores das mínimas esixibles como o Índice Azul ou a Taxa 100), polo que se recomenda unha supervisión inicial por parte do profesorado antes de iniciar a proposta final.
Esta é unha proposta, máis polo miúdo, de posible adaptación do reto:
1. Nivel sinxelo. Escoller comarcas pequenas e cinguirse ás variables mínimas esixidas para completar o estudo.
2. Nivel medio. Elixir comarcas con máis extensión, e descargar algunha variable a maiores do IGE que poida estar relacionada coa lonxevidade.
3. Nivel alto. Propoñer o estudo de variables que proveñan de fontes diferentes ao IGE e afondar nas causas da lonxevidade nunha zona.
Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo, pois garante a aprendizaxe entre iguais e o apoio mutuo para que todo o alumnado poida contribuír de maneira activa ao desenvolvemento da proposta.