Saltar navegación

1. Descrición xeral

Llegar a 100... ¡Malo será!

Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como finalidade principal que o alumnado de 3º de ESO integre e dea sentido a contidos pertencentes aos bloques do sentido estocástico (5) e socioafectivo (6) do currículo, aplicándoos a unha realidade próxima e significativa: a lonxevidade en Galicia.

A proposta sitúa o alumnado ante cuestións de carácter social e demográfico, favorecendo o desenvolvemento do pensamento analítico e crítico. Neste contexto, introduciranse referencias ao Índice Azul e ás denominadas zonas azuis como exemplos de territorios con alta esperanza e calidade de vida, promovendo a reflexión sobre os factores que inflúen na lonxevidade. Ao longo do proceso, fomentarase o traballo colaborativo e a análise do papel das matemáticas como ferramenta útil para comprender o mundo, interpretar datos e emitir xuízos e decisións responsables.

Como produto final, o alumnado elaborará un informe estatístico no que recollerá a análise dos datos traballados aplicando procedementos propios da investigación estatística e comunicando os resultados de maneira clara e rigorosa.

As metas de aprendizaxe son:

  • Establecer conexións entre os factores asociados á alta lonxevidade e os conceptos estatísticos.
  • Favorecer unha comprensión máis profunda de ambos ámbitos.
  • Analizar e interpretar táboas e gráficos estatísticos relativos a variables cualitativas, cuantitativas discretas e continuas dentro deste contexto.
  • Presentar e comunicar información de maneira clara e estruturada para dar resposta ás cuestións formuladas.
  • Traballar en equipo de forma efectiva, respectando a diversidade de opinións, organizando tarefas de maneira equitativa e fomentando a inclusión e a creatividade.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)