Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Motivación para a abordaxe do REA

Nesta situación de aprendizaxe, abórdase o contorno científico centrado na enxeñaría espacial, cun enfoque gráfico (funcións matemáticas) e alxébrico.

Para acadalo, proponse o reto de que o alumnado cree unha misión espacial similar á presentada no REA, e na que as matemáticas xoguen un papel fundamental nas diferentes fases da mesma.

O obxectivo é que o alumnado aprenda a interpretar e resolver problemas matemáticos relacionados cunha misión espacial.

A motivación, que se explica na fase 1, xorde a través dun contexto científico no que o alumnado é o que elixe a misión que vai crear.

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a (2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.

Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.

Actividades en equipo

Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:

  • Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar en actitude, pero sempre é mellor en equipos pequenos).
  • Preferiblemente heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade se fagan grupos homoxéneos.
  • Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.

Materiais

Para algunhas das actividades grupais hai fichas de apoio para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.

Roles

Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:

  • Liderado: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, verificando que se entenderon. Media nos conflitos do equipo. Le o enunciado e a información relevante de cada apartado ao resto das persoas do equipo.
  • Navegación: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que estean todas as actividades feitas e da súa entrega en tempo e forma.
  • Investigación científica: encárgase de ter todo o material. Debe asegurarse de que cando se vaia empezar a tarefa todo estea en orde para non perder tempo. Fomenta a participación das demais persoas do equipo.
  • Enxeñaría: axuda no que faga falta. Comunícase co resto de equipos e o/a docente. Explica os resultados e as conclusións.
    Se son equipos de catro persoas exerce de portavoz, e se son de tres, esta función pode facela a persoa coordinadora.

Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente haxa na aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.

Os roles irán rotando a medida que se cambie de actividade.

Actividades individuais multinivel

O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.

Preséntanse con botóns de opcións, para elixir unha, e non ordenadas por dificultade.

O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.

Avaliación

O REA dispón, na fase 4, dunha rúbrica para avaliar o reto.

Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.

Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.

Produtos finais

O produto final é crear en grupo unha misión espacial, similar ás que se traballan no REA, baseada en datos reais.

Para presentala, crearán, en equipo, un póster científico explicando a misión espacial escollida.

Terá que elixir entre: unha función cuadrática, unha ecuación de grao superior a dous ou un sistema de ecuacións. Deben presentarse as súas gráficas e tamén un informe co resumo dos cálculos realizados na misión.

O feito de redactar un informe e un póster científico coas características anteriormente mencionadas implica traballar tanto a competencia matemática como a competencia en comunicación lingüística e o sentido socioafectivo.

No REA, facilítase unha ficha de traballo para a elaboración do informe, unha lista de cotexo para a creación do póster e varios exemplos de pósteres científicos.

Achégase unha rúbrica para avaliar o reto, e outra rúbrica para a exposición oral final, que deben ser coñecidas polo alumnado e aplicadas polo profesorado.

Enfoque multinivel do reto

No deseño da misión e do póster que a describe, haberá polo menos tres niveis de dificultade.

Nivel básico, no que se utilizarán sistemas lineais ou ecuacións de segundo grao sinxelas, nivel medio, no que aplicarán funcións cuadráticas para modelar órbitas planetarias e nivel avanzado, no que se empregarán ecuacións de grao superior a 2 para resolver traxectorias máis complexas.

Ademais, na configuración dos grupos de traballo, é importante a heteroxeneidade, pois garante a aprendizaxe entre iguais e o apoio mutuo, permitindo que todo o alumnado poida contribuír de maneira activa ao desenvolvemento da proposta.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)