Saltar navegación

1. Descrición xeral

Llevando a Galicia hasta el ∞ y + allá

Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques dos sentidos alxébrico e socioafectivo do currículo de 3º de ESO no contexto dunha misión espacial galega.

Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais e motivadoras relacionadas coa investigación espacial, e que requiran distintos niveis de dificultade.

Para acadalo proponse como reto que o alumnado cree unha misión espacial similar á presentada no REA, e na que as matemáticas xoguen un papel fundamental nas diferentes fases da mesma.

Traballando en grupos, comezarán realizando un informe da misión no que se recollan tanto o contexto coma unha descrición polo miúdo dalgún problema que atopará o seu equipo investigador. Tamén plasmarán a estratexia empregada para resolvelo a través dos conceptos matemáticos correspondentes (funcións cuadráticas, sistemas de ecuacións ou ecuacións de grao maior que dous). Unha vez rematados os resultados e conclusións da investigación, elaborarán un póster científico e, finalmente, presentarán a súa misión ao resto do alumnado.

Ao longo do REA resolverán problemas similares, seguindo este formato que o alumnado pode tomar como modelo. Ademais, proporcionaranse exemplos de pósteres científicos realizados por adolescentes e tamén exemplos de certames de investigación, incluíndo algúns dos que se realizan en Galicia.

As metas de aprendizaxe son as seguintes:

  1. Transformar e resolver ecuacións de primeiro e segundo grao.
  2. Transformar e resolver sistemas de ecuacións lineais con dúas incógnitas.
  3. Transformar expresións alxébricas e traballar con identidades notables.
  4. Transformar e resolver ecuacións sinxelas de grao superior a dous.
  5. Interpretar e analizar de forma crítica a información que vén dada por una función expresada como gráfica.
  6. Modelar e interpretar situacións reais a través de funcións lineais.
  7. Interpretar situacións reais modeladas a través de funcións cuadráticas.
  8. Empregar a resolución de ecuacións de primeiro e segundo grao no cálculo de determinados valores de funcións lineais e cuadráticas.
  9. Modelar e resolver problemas empregando ferramentas alxébricas.
  10. Formular novos problemas que requiran para a súa resolución unha ferramenta alxébrica.
  11. Deducir conclusións razoables sobre unha situación concreta unha vez modelizada.
  12. Desenvolver destrezas persoais identificando e xestionando emocións e asumindo erros.
  13. Desenvolver destrezas sociais participando activa e reflexivamente en actividades de traballo en equipo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)