Orientacións e recomendacións de uso
Motivación para a abordaxe do REA
Nesta situación de aprendizaxe trátanse distintas actividades reais vinculadas á organización e realización dun concerto de rock, empregando a proporcionalidade, as porcentaxes, as sucesións e as progresións aritméticas e xeométricas.
Búscase conectar co interese do alumnado a través da música, aproveitando a proliferación de festivais que se estenden ao longo de toda Galicia durante todo o ano.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver as actividades do REA é preciso a conexión á rede para consultar información, empregar GeoGebra para realizar o logo do concerto e ver vídeos relacionados coa temática que se tratará. Recoméndase dispoñer de navegador actualizado e de dispositivos que permitan manipular gráficos. Tamén hai modelos de fichas en formato editable (LibreOffice ou equivalente) para implementar fórmulas, mostrar resultados e conclusións.
No caso particular do desenvolvemento do reto, como se trata da realización dun modelo económico e un informe xustificativo, precísase a calculadora, folla de cálculo e os documentos para os resultados analíticos e conforme a iso facer a xustificación do concerto.
Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o espazo en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo) pódese configurar o gardado da puntuación. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Actividades en equipo
Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
- É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
- Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para cada unha das actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
- Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
- Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
- Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
Se o equipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.
Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases centrais inclúense actividades individuais multinivel sobre operacións con proporcionalidade, porcentaxes, progresións aritméticas e xeométricas asociadas a modelizar o número de persoas que hai no escenario ou o número de seguidores que estarán no concerto. As tarefas preséntanse en diferentes versións, con variación na dificultade e no grao de contextualización, de maneira que cada estudante poida escoller a opción máis axeitada ao seu ritmo e necesidades.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha lista de cotexo e rúbricas para avaliar o reto, de xeito que o alumnado poida verificar que se levaron a cabo todas as tarefas deste.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.
Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.
Produtos finais
O produto final é o desenvolvemento dun cartafol de documentos sobre a organización dun concerto de rock.
O obxectivo central é aplicar de xeito práctico os coñecementos sobre proporcionalidade e porcentaxes traballados anteriormente no REA, así como de coñecementos sobre sucesións e progresións; transformando conceptos teóricos nunha ferramenta de análise para un fenómeno real.
O alumnado creará un cartel publicitario, un logo do festival e varias follas de cálculo que entregará ao docente.
O REA inclúe actividades enfocadas á realización do reto e un listado detallado con todas as instrucións necesarias para a súa elaboración.
Enfoque multinivel do reto
O enfoque en equipo do reto permitirá que o alumnado poida desenvolver distintos papeis, fomentando os principios DUA.
1. Nivel de dificultade baixo, para grupos que precisen un ritmo máis pausado.
- Realizarán o festival nunha única localización dentro do centro educativo.
2. Nivel de dificultade medio.
- Realizarán o festival en dúas localizacións diferentes do centro educativo, por exemplo, o patio e o salón de actos.
3. Nivel de dificultade alta. Para grupos que procuren un reto de maior esixencia técnica e de observación.
- Realizarán o festival fora do centro educativo.
- O alumnado poñerase en contacto co concello para solicitar unha localización para o concerto.
- Se a localización ofertada polo concello non dispón de seguro deberán facer a xestión para obtelo.