Saltar navegación

1. Descrición xeral

¡Math & Rock!

Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques dos sentidos numérico (1), alxébrico (4) e socioafectivo (6) do currículo de 3º de ESO, tomando como fío condutor a organización dun concerto de rock.

O alumnado identificará algúns dos tipos e problemas de progresións que hai detrás das operacións financeiras dando sentido ás operacións e á súa aprendizaxe.

Ademais incorporará estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través destas situacións reais motivadoras que terán distintos niveis de dificultade.

Para acadalo proponse o reto de facer un presuposto para poder ver a viabilidade do concerto que lles permitirá contabilizar: os recursos humanos e materiais, os gastos, as ganancias e os beneficios.

As metas de aprendizaxe son:

  • Descubrir patróns numéricos mediante o uso de sucesións para organizar desde a estrutura do escenario ata a difusión na rede.
  • Dominar a proporcionalidade e as porcentaxes para xestionar con éxito a cartelaría, o persoal, etc.
  • Tomar decisións financeiras intelixentes para que o festival sexa rendible.
  • Utilizar a linguaxe matemática para modelizar a realidade, creando fórmulas que vos permitan facer predicións.
  • Explorar novas fronteiras como a combinatoria e os fractais para deseñar de forma innovadora o logo, as luces, etc.
  • Fortalecer a confianza ante os retos, aprendendo a xestionar a frustración cando un cálculo non sae á primeira e vendo os erros como unha oportunidade para mellorar.
  • Aprender a traballar nunha "promotora" real, colaborando cos vosos compañeiros e compañeiras de forma respectuosa, repartindo tarefas de forma xusta e valorando a diversidade de ideas para que o festival sexa un éxito conxunto.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)