Orientacións e recomendacións de uso
Motivación para a abordaxe do REA
Nesta situación de aprendizaxe proponse ao alumnado converterse en persoal técnico forestal e de organización do territorio a través dun reto real: a planificación e deseño dunha repoboación forestal nunha parcela da súa escolla, na contorna do seu concello, para o seu aproveitamento e mellora medioambiental.
A unidade xira arredor dunha viaxe polos montes galegos, ofrecendo un percorrido contextualizado por diferentes zonas e situacións relacionadas coa xestión forestal.
Este camiño, que comeza na fase 1, motiva ao alumnado a observar a súa contorna con ollos matemáticos, integrando contidos numéricos e socioafectivos, relacionados cos números racionais e as súas propiedades.
Para apoiar esta experiencia, o recurso inclúe múltiples imaxes ilustrativas, materiais descargables, applets interactivos de GeoGebra e fichas e follas de cálculo en formato editable que serven como apoio visual, manipulativo e dinámico para facilitar a comprensión dos conceptos matemáticos traballados, conectándoos co contexto real no que se aplican.
Actividades como Georreferenciar parcelas ou Coordenadas humanizadas convidan ao alumnado a reflexionar sobre a súa contorna e a recoñecer o valor económico e medioambiental dos montes.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver a maior parte das actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións. Tamén, para adaptarse á notación utilizadas nas coordenadas xeográficas e cartográficas utilizadas nos visores dos sistemas de información xeográfica (GIS, polas súas siglas en inglés), o separador decimal utilizado é o punto en lugar da coma.
Respecto das iconas que preceden aos títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrixibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning, só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrixibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Actividades en equipo
Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor en equipos pequenos).
- É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade, poden ser homoxéneos.
- Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para cada unha das actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
- Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
- Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
- Voceiro/a: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo. Se o equipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.
Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel. Nomeadamente, 2.4. La procesión va por dentro e 3.9. Futuro forestal.
Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.
O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha listaxe de cotexo do proceso de elaboración do informe forestal na que se marcan as diferentes partes que se van completando. Serve para que o alumnado identifique se se fixeron ou non as actividades relacionadas coa composición do informe do proxecto de repoboación forestal.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o reto, outra para o traballo en equipo e outra para a exposición oral.
Todas elas poden empregarse tanto para a avaliación como para a autoavaliación dos equipos.
Produtos finais
O reto consiste en elaborar un proxecto de rehabilitación forestal dunha parcela emprazada nun monte da súa contorna, a partir dos coñecementos e datos obtidos durante a unidade. Para acadalo, o alumnado desenvolve unha serie de actividades grupais previas que serven como base e apoio directo para redactar cada apartado do informe final: Deseño do informe forestal / Sección 4. O informe forestal.
Son as seguintes:
- Inventario forestal: distribución de parcelas e especies / Sección 2.5. Inventario forestal
- Xeorreferenciar parcelas / Sección 3.2. Galicia Nomeada
- Elixe a especie idónea / Sección 3.4. MeteoGalicia
- Orzamento para o voso proxecto / Sección 3.5. Orzamento e partidas
O alumnado elixe e identifica unha parcela de monte próxima, recollendo os seus datos de xeorreferenciación e a referencia catastral, mediante o uso de visores xeográficos ou visitas ao terreo, para realizar un diagnóstico detallado mediante unha análise DAFO, e determinar a problemática existente (1) e (2).
Logo, elixe a especie para a reforestación, ou fai distintas propostas de aproveitamento (3) e elabora un orzamento (4).
Finalmente, o grupo redacta o informe técnico, empregando a ficha e a folla de cálculo modelo, e expón os resultados ante o resto da clase.
Enfoque multinivel do reto
O reto é doado de acadar, dado o carácter aberto da proposta de repoboación, na que a única restrición que se indica é que debe tratarse dunha parcela emprazada na contorna do alumnado. Estas poden ser de diferentes titularidades, ben sexan públicas ou pertencentes a unha comunidade de montes veciñais en man común, montes de varas ou outra figura na que se poida actuar.
A gradación virá determinada pola elección da parcela e pola complexidade das propostas de actuación asociadas (actuacións previas na parcela, especies elixidas ou actuacións complementarias), polo que se recomenda unha supervisión inicial por parte do profesorado antes de iniciar a proposta final.
Esta é unha proposta, mais polo miúdo, de posible adaptación do reto:
1. Nivel sinxelo. Buscar unha parcela pequena, cunha especie arbórea e facer un inventario moi básico (hai árbores si/non, hai lixo, hai acceso por camiño).
2. Nivel medio. Elixir unha parcela mais complexa, con mais extensión, e facer un inventario máis detallado (por exemplo, a presenza de especies invasoras como a acacia).
3. Nivel alto. Propoñer actuacións baseadas na normativa forestal vixente (distancias de plantación, franxas de protección contra incendios... ).
Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo, pois garante a aprendizaxe entre iguais e o apoio mutuo para que todo o alumnado poida contribuír de maneira activa ao desenvolvemento da proposta.