Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA está baseado nos principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e emprega unha metodoloxía activa e competencial, orientada a facilitar que o alumnado acade as competencias clave propias da materia de Lingua Galega e Literatura en 2º da ESO. O seu deseño pretende facilitar o labor docente mediante un enfoque flexible, inclusivo e universal, que permite a súa adaptación á diversidade de contextos e realidades das aulas.

O recurso inscríbese no marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do que forma parte, e comparte a súa filosofía de aprendizaxe significativa, accesible e centrada na participación activa do alumnado.

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA presenta un carácter eminentemente práctico, cun enfoque claramente competencial, activo e participativo, que combina o traballo individual co traballo cooperativo. O alumnado convértese en protagonista do seu propio proceso de aprendizaxe a través da lectura, a análise de textos, a reflexión lingüística e a produción escrita.

O eixe vertebrador da proposta é a resolución de retos vinculados á realidade persoal e social do alumnado, utilizando a creación dun boletín cultural como ferramenta de expresión, comunicación e análise. Isto permite motivar o alumnado e facelo sentirse parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, desde un enfoque que é:

  • Personalizado, ao partir dos coñecementos previos do alumnado e ofrecer actividades multinivel, con diferentes opcións de acceso, participación e expresión.
  • Significativo, xa que o alumnado constrúe os seus propios coñecementos a partir da análise de textos, da experiencia comunicativa e da creación colectiva, aprendendo a aprender e reflexionando sobre o seu propio proceso mediante o diario de aprendizaxe.
  • Funcional, ao aplicar o aprendido en situacións reais e próximas, como a elaboración dun boletín, conectadas coa súa contorna, cos seus intereses culturais e coa necesidade de comunicar información de maneira clara e rigorosa.

Ao longo do REA, o alumnado explora, analiza, produce, revisa e mellora textos, o que favorece unha aprendizaxe máis profunda, significativa e duradeira. Promóvese de maneira explícita a participación activa e o traballo colectivo, especialmente na organización da redacción e na elaboración do boletín cultural final, como resposta a necesidades comunicativas reais, contribuíndo ao desenvolvemento da competencia lingüística e dixital en condicións de igualdade.

As actividades constitúen o medio a través do cal se concretan os principios metodolóxicos desta proposta e organízanse en función do momento e da intención educativa:

  • Actividades iniciais, destinadas a activar os coñecementos previos do alumnado, espertar o interese polos medios de comunicación e introducir os elementos básicos dun boletín cultural.
  • Actividades de desenvolvemento, orientadas á comprensión e análise de textos xornalísticos e divulgativos, ao traballo coas propiedades textuais (coherencia, cohesión e adecuación) e á adquisición progresiva das ferramentas necesarias para a produción escrita. Estas actividades preséntanse inicialmente de maneira máis guiada e estruturada.
  • Actividades de reforzo e ampliación, que permiten atender os diferentes ritmos de aprendizaxe, ofrecendo apoios para consolidar contidos básicos e propostas abertas para profundar na análise ou na creación de textos.
  • Actividades de avaliación, integradas ao longo de todo o proceso, aínda que tamén se programan tarefas específicas relacionadas coa elaboración do boletín, a autoavaliación, a coavaliación e o diario de aprendizaxe.

Este REA permite multinivelar a aprendizaxe e adaptala aos intereses, capacidades e estilos comunicativos do alumnado. Na creación do boletín cultural final, cada estudante pode asumir diferentes roles dentro da redacción (redacción de textos, revisión lingüística, coordinación, selección de contidos, maquetaxe, deseño visual…), así como participar en distintas fases do proceso, garantindo unha implicación real e significativa de todo o grupo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)