Ícaras: voa sen medo a caer!
Este REA ten como punto de partida a lectura dunha obra teatral (neste caso propoñemos, Ícaras, de Carlos Labraña) que permite achegar o alumnado de 2º da ESO ao xénero dramático desde unha perspectiva contemporánea, crítica e coeducativa. A través da obra, o alumnado reflexiona sobre temas como a liberdade, o medo, a igualdade de xénero e a identidade persoal, establecendo conexións coa súa realidade próxima.
A situación de aprendizaxe combina a comprensión e análise de textos teatrais coa creación artística e a expresión oral, corporal e audiovisual. O proceso culmina nun reto final no que o alumnado deberá crear, de maneira cooperativa, un sketch teatral (ou peza vídeo-performática) inspirado na obra, no que se poñan en práctica os coñecementos adquiridos e se empregue a lingua galega como vehículo expresivo principal. Este proceso permite desenvolver competencias comunicativas, lingüísticas, sociais e creativas, ao tempo que se fomenta o uso consciente e expresivo da lingua galega, a valoración da súa diversidade dialectal e o rexeitamento de prexuízos lingüísticos.
O rexistro reflexivo mediante o diario de aprendizaxe acompaña todo o itinerario, favorecendo a toma de conciencia sobre o propio proceso de aprendizaxe e a construción dunha identidade lectora, expresiva e crítica.
As metas de aprendizaxe:
- Recoñecer as características do texto teatral e dos seus subxéneros, relacionándoos con outras artes (música, danza, audiovisual).
- Interpretar o sentido simbólico de Ícaras e as súas temáticas principais: liberdade, medo, igualdade e identidade.
- Representar e reinterpretar escenas de forma creativa e colaborativa, integrando expresión oral, corporal, plástica e dixital.
- Aplicar as propiedades textuais (coherencia, cohesión e adecuación) revisando os textos mediante autoavaliación e coavaliación.
- Empregar un galego correcto e expresivo, recoñecendo os trazos do propio bloque dialectal e valorando a diversidade lingüística.
- Identificar as partes do texto teatral (acotacións, diálogos, personaxes, espazo e tempo).
- Mellorar a competencia comunicativa, usando ferramentas dixitais, dicionarios e recursos de estilo.
- Crear escenas dramáticas con enfoque inclusivo e coeducativo, comprendendo o teatro como espazo de liberdade e pensamento crítico.