Operación viñeta!
Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 4 elaborado no proxecto cREAgal para a materia de Lingua Galega e Literatura de 2º da ESO. A situación de aprendizaxe ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques de contido do currículo de 2º da ESO da materia de Lingua Galega e Literatura. Estes céntranse nos procesos de produción e creación de textos escritos; ademais de contidos relacionados co funcionamento do sistema lingüístico, de índole gramatical.
Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo a través de situacións reais motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade.
Os contidos desta situación de aprendizaxe tomáronse do modelo de programación da unidade 6 de Proens, baseada no Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
O reto consiste na elaboración dunha banda deseñada que permiten traballar os contidos sinalados de xeito transversal.
As metas de aprendizaxe son:
- Coñecer e dominar as características do cómic: elementos que o conforman, recursos habituais...
- Elaborar un cómic en equipo.
- Traballar cooperativamente sobre a historia da banda deseñada en galego.
- Presentar un cómic da túa elección ao resto da clase.
- Mellorar a corrección lingüística cun proceso de revisión.
- Gravar un vídeo explicativo sobre como creaches o teu cómic.