Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións que o profesorado pode ter en conta para un maior aproveitamento deste recurso educativo.
Motivación para a abordaxe do REA
Este recurso parte da formulación dun reto que pode ser motivador para o alumnado, e que se ten que conseguir que o sexa para o máximo aproveitamento e unha mellor aprendizaxe.
O reto consiste en facer (idear, preparar e emitir) un pódcast, polo que é importante amosarlles ás rapazas e aos rapaces exemplos de pódcasts en galego variados e que lles poidan resultar atractivos. No REA preséntanse algúns exemplos, mais é importante que o profesor ou profesora, tendo en conta o grupo que ten, seleccione, valore outras opcións etc.
Tamén é importante que toda a clase se implique, polo que se cadra cómpre distribuír roles para que todos e todas teñan unha función que lles guste, na que se sintan cómodos/as, motivados/as etc. Se hai motivación e cada persoa atopa un papel que lle resulte cómodo, motivador e que faga que se sinta importante, a aprendizaxe está asegurada!
Recursos necesarios
Ademais dos recursos propios da clase (ordenadores, caderno etc.) outras cuestións que cómpre ter en conta son:
- O ideal é que a realización do pódcast sexa con público, nun salón de actos, aula multiusos, aula de radio ou similar.
- Cómpre ter en conta que a realización do pódcast debe ser viable para poder conseguir realizalo facilmente no centro de ensino.
Proposta de agrupamentos para as actividades
Ao longo das distintas fases deste REA propóñense tarefas individuais, en parella, en grupos de catro e en grupo grande. Todo o traballo, tanto o individual como en grupo, é necesario para a aprendizaxe e para acadar o reto proposto.
- Individual: son tarefas de traballo e aprendizaxe de contidos, produción escrita, reflexión no Diario de aprendizaxe etc. É un traballo necesario tanto para a aprendizaxe persoal como para poder acadar en conxunto o reto.
- Parella: diferentes tarefas encamiñadas a desenvolver os contidos da materia.
- Grupos de catro: boa parte do traballo desenvólvese en agrupamentos de catro alumnos/as, polo que é necesario que o profesor ou profesora decida o método para formar as agrupacións de acordo ao coñecemento do seu alumnado, para que, ao mesmo tempo, traballen comodamente, se fomente a integración, se teñan en conta os distintos perfís, se procure o equilibrio entre grupos etc. Para unha mellor optimización do funcionamento deste grupos pódense distribuír roles dentro del (por exemplo: presentador/a, entrevistador, booktuber etc), aínda que cómpre indicar sempre que a responsabilidade é do conxunto, que non é simplemente un reparto de tarefas.
- Grupo grande: acadar o reto axeitadamente depende do grupo no seu conxunto, para o que ten que funcionar toda a engrenaxe do traballo individual, en parella e grupal.
Produto final
O produto final é a emisión en directo dun pódcast. A intención diso é que, por un lado, sexa algo motivador desde o principio e, por outro, que o resultado sexa visible e valorado (polo propio alumnado, polo profesorado e por outro alumnado que poida participar como público), de aí que recomendamos sexa difundido mediante a aplicación iVoox a través das redes e da web do centro educativo.
Ademais, como final do proceso que é, nese pódcast pódese comprobar a evolución da aprendizaxe en todos os sentidos: dos contidos concretos traballados, da expresión oral, da expresión non verbal, da coordinación de traballo cooperativo etc.
Enfoque multinivel do reto
Como é lóxico e normal, en cada aula hai individuos moi variados e puntos de partida moi distintos, algo que este REA ten en conta. En primeiro lugar, ao seren todas as fases para chegar ao reto o suficientemente abertas para que o profesorado poida regular a intensidade do traballo e o nivel de esixencia individual, por exemplo, nas reflexións por escrito, na redacción de guión, na gravacións, na comunicación oral etc.
Ademais, con respecto ás tarefas e actividades presentadas ao longo do REA, nalgúns casos tamén se presentan varias opcións de dificultade, para que cada rapaz ou rapaza poida adaptar o traballo ao nivel de afondamento ou complexidade que necesita.
Finalmente, no tocante ao reto, o enfoque multinivel está presente no propio enfoque da situación de aprendizaxe: o alumnado escollerá a temática, o ton e as seccións do seu pódcast, de xeito que a complexidade que este presente será marcada por eles mesmos e poderá graduarse en función dos seus perfís. Ademais, o feito de que os membros do equipo asuman diferentes roles na produción do pódcast permitirá tamén realizar as tarefas en que cada persoa se sinta máis cómoda (algunhas poderán ser guionistas, outras exercerán en maior medida de locutoras, outras atenderán os aspectos técnicos etc.). Por último, tamén se presenta de maneira multinivelada a difusión do pódcast, dando a opción de realizar a súa presentación unicamente a través de iVoox ou tamén por medio da emisión dun programa en directo.