Saltar navegación

1. Descrición xeral

Quen ten boca, ten pódcast!

Este é o REA (Recurso Educativo Aberto) número 3 elaborado no proxecto cREAgal para a materia de Lingua galega e literatura de 2.º ESO. A situación de aprendizaxe ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques de contido do currículo de 2.º de ESO da materia de Lingua Galega e Literatura. Estes céntranse nos procesos de produción, comprensión e análise crítica de textos orais, escritos e multimodais; na lectura autónoma e lectura guiada; ademais de contidos relacionados co funcionamento do sistema lingüístico, de índole semántico, sintáctico, morfolóxico e gramatical.

Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo a través de situacións reais motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade.

Os contidos desta situación de aprendizaxe tomáronse do modelo de programación das unidades 4 e 5 de Proens, baseada no Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O reto consiste na creación de diferentes pódcasts que permiten traballar os contidos sinalados de xeito transversal.

As metas de aprendizaxe son:

  1. Coñecer diferentes formatos de textos dos medios de comunicación e das redes sociais (como as entrevistas).
  2. Coñecer textos do ámbito académico como os apuntamentos, mapas conceptuais e exposicións.
  3. Planificar un texto oral con adecuación, coherencia e cohesión.
  4. Empregar técnicas relacionadas coa modulación da voz e a expresión oral.
  5. Debater sobre un tema.
  6. Usar correctamente diferentes fórmulas de cortesía conversacional.
  7. Empregar aplicacións TIC relacionadas coa gravación de voz e coa edición de arquivos de audio.
  8. Coñecer as características da novela e de diferentes subxéneros narrativos e reproducir a súa estrutura.
  9. Comprender as diferentes relacións entre os significados das palabras.
  10. Coñecer categorizacións básicas da oración.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)