Lecturas compartidas
A unidade didáctica comeza lembrando o coñecemento iniciado en primeiro de educación secundaria obrigatoria dos sistemas ortográficos (grafemas e dígrafos) do galego e do portugués, poñendo o foco agora nas semellanzas e as diferenzas entre ambos os dous sistemas. Os contidos comunicativos xirarán arredor das secuencias narrativas e no emprego de recursos como a deixe. Aproveitaranse os textos relatados para reparar no uso coherente das formas verbais. Por outra banda, a lectura da obra de lectura obrigatoria do primeiro trimestre (un poemario) servirá para acometer a análise dalgúns elementos constitutivos dun poema (a métrica e a rima). Este será o punto de partida para establecer as relacións internas entre estes e o sentido da obra, de modo que o alumnado diferencie algúns subxéneros poéticos como a canción ou a sátira. Finalmente, en canto á reflexión sobre a lingua, afondarase no emprego das regras de acentuación e no acento diacrítico.
O estudo dalgúns aspectos socioculturais relacionados con Portugal e outros países lusófonos ocupará as primeiras sesións da unidade. Non obstante, serán os contidos comunicativos e, en concreto, as secuencias textuais descritivas as que teñan maior protagonismo. Aproveitaranse as descricións propostas para incidir en aspectos ortográficos como o uso dalgúns signos de puntuación, especialmente o punto e coma e a paréntese. En relación á literatura, ademais continuar coa valoración da obra de lectura obrigatoria do primeiro trimestre, afondarase no recoñecemento e análise dalgúns recursos expresivos e figuras estilísticas básicas.
A reflexión lingüística centrarase na identificación dos distintos tipos de adverbios e locucións adverbiais e no recoñecemento das interxeccións.
Neste REA o reto será a elaboración dun programa literario con diferentes seccións que permite traballar os contidos de maneira transversal.
En canto ás metas de aprendizaxe serán:
- Coñecer textos do ámbito académico como os apuntamentos, mapas conceptuais e exposicións.
- Planificar un texto oral con adecuación, coherencia e cohesión.
- Coñecer as diferenzas e semellanzas entre o galego e o portugués.
- Debater sobre un tema.
- Coñecer as características da narración descritiva, a poesía, os diferentes subxéneros e reproducir a súa estrutura.
- Identificar e usar diferentes recursos estilísticos.
- Coñecer os adverbios e as interxeccións.
- Organizar un programa literario con diferentes seccións.
- Recoñecer os diferentes oficios relacionados cun programa literario.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo do proxecto, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordándoos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases.
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, na identificación da temática e na descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.