Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Revista en papel:
- Cartolinas tamaño A2
- Cartolinas de cores para a portada
- Lapis e bolígrafos
- Rotuladores ou subliñadores de cores
- Pegamento
- Tesoiras
- Grampas
- Revistas ou xornais vellos para recortar imaxes
Revista dixital:
- Computadora
- Procesadores de texto
- Acceso a Internet
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Para a realización do reto, recoméndase que o profesorado deseñe grupos heteroxéneos dun máximo de catro persoas en función das súas diversas capacidades e habilidades, para que cadaquén poida desenvolver o seu máximo potencial. Ademais de aumentar a súa propia autonomía persoal, co traballo cooperativo o alumnado realizará prácticas comunicativas para seleccionar a información, tomar decisións e elaborar a parte da publicación anual que lle corresponda.
Procurarase que todo o alumnado de cada grupo, de xeito máis ou menos directo, participe na investigación, na toma de decisións e na creación. Un dos membros do equipo asumirá o rol de coordinador e voceiro coa persoa docente.
As actividades de carácter individual realízanse tanto coa computadora como co caderno persoal e corríxense mediante a autoavaliación ou as rúbricas de expresión, tanto escrita como oral.
Produtos finais
O reto acádase ó rematar unha publicación en formato analóxico ou dixital na que se inclúan os diversos tipos de textos, literarios e non literarios, creados polo alumnado distribuído en grupos de 4-5 discentes. A revista deberá darse a coñecer e poñerse ao acceso de toda a comunidade educativa.
Enfoque multinivel do reto
A publicación final contará con producións artelladas ao redor de tres niveis: local, cultural e internacional, que permitirán pór en práctica o coñecemento adquirido sobre comprensión e produción de textos literarios e non literarios. Cada un dos devanditos niveis intégrase por tres tipos de textos diferentes, de menor a maior grao de dificultade.
- No nivel local deberase redactar unha nova, facer unha entrevista e recompilar as producións literarias —cadáver exquisito, haiku e caligrama— realizadas durante o REA.
- En segundo lugar, no nivel cultural, proponse a creación dunha reseña sobre unha lectura, película ou representación teatral; a composición de textos publicitarios ao redor das actividades desenvoltas durante o curso e, no eido literario, a elaboración dun horóscopo mediante haikus, así como da realización dunha escolma literaria.
- Finalmente, no nivel internacional, o máis complexo, o alumnado amosará o seu dominio dos textos expositivo-argumentativos mediante a redacción dun artigo de opinión sobre un acontecemento internacional recente. Asemade, prevese a realización dunha reportaxe sobre unha excursión ou saída cultural que tivera lugar durante o curso, na que se incluirán testemuñas dos participantes e todo tipo de detalles. Neste nivel, a creación literaria consistirá na recompilación dos cuartetos elaborados sobre o mito de Sísifo ó longo do REA, así como na formulación do parte meteorolóxico a modo de pareados.
Outras informacións
Segundo o formato escollido para a realización do produto final, a persoa docente poderá valorar se algunha das composicións se pode realizar de xeito oral. A tal fin, proponse a gravación dos textos utilizando os equipos informáticos do centro e a súa indexación directa na aplicación escollida para a maquetaxe da revista.