Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA forma parte do proxecto cREAgal e, desde o punto de vista metodolóxico, é un recurso que procura o traballo cooperativo do alumnado na aula.

Na liña das concrecións metodolóxicas recollidas en Proens, con este REA, preténdese acadar unha aprendizaxe significativa en torno ós diferentes modos de elocución a partir da lectura de textos literarios e non literarios tomados da vida cotiá, así como estimular a creatividade do alumnado mediante a elaboración de producións literarias propias. A realización da publicación anual escolar en formato dixital supón a elaboración de textos de diversa índole. 

Neste proceso de toma de decisións responsables, o alumnado será o protagonista da súa propia aprendizaxe e tamén adquirirá competencias clave sociais, persoais e para aprender a aprender; así como en emprendemento, conciencia e expresión cultural.

Dado o seu carácter eminentemente práctico e o seu enfoque competencial, priorízase o traballo en pequeno grupo na aula, aínda que nalgunhas actividades se combina o traballo individual coa posta en común ou debate en gran grupo. Entre os principios metodolóxicos aplicados, destacan os seguintes:

  • Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA), ó que se contribúe mediante o uso de metodoloxías variadas e tarefas multinivel que consideran os diferentes ritmos de aprendizaxe e a diversidade do alumnado presente na aula -necesidades e intereses-.
  • Aprendizaxe baseada en retos (ABR). O alumnado debe resolver un desafío que, ademais, ten un impacto en todo o centro, pois será o encargado de realizar a publicación escolar anual. Deste xeito refórzase tamén a devandita aprendizaxe significativa. 
  • Aprendizaxe cooperativa. Favorécese o traballo en diferentes tipos de agrupamentos, segundo a tarefa indicada, para mellorar o grao de desenvolvemento das competencias clave mediante a colaboración entre iguais.
  • Aprender facendo (learning by doing). O alumnado terá un acceso sucinto á teoría, a partir da que realizará procuras guiadas e progresivamente autónomas que promoverán, asemade, a reflexión sobre o papel dos medios de comunicación e dos produtos literarios na sociedade actual como punto de partida para a elaboración da revista dixital anual.  
  • Transversalidade. Promoverase a reflexión sobre as diversas fontes de acceso á información, a elaboración do coñecemento a partir da reflexión escrita e do diálogo, así como a súa transmisión a través de diferentes tipos de textos. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)